Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Venres, 02 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Retirada de vehículo por condutor POSITIVO en test de drogas

Na madrugada do día de onte, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo procederon á retirada co guindastre, ao Depósito Municipal, dun vehículo cuxo condutor arroxara, no test de drogas ao que foi sometido, un resultado POSITIVO en  COCAINA e  OPIACIOS.

No maleteiro do vehículo achábanse dous cans sen auga nin comida, dos cales non se puido facer cargo o condutor, polo que foi requirido o servizo de  Lacería da Protectora de Animais, que recolleu os animais, trasladándoos ás instalacións da sociedade para o seu coidado.

Molestias por ruídos en interior de vivenda

Sobre as 21,20 horas do día 30 de setembro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade á rúa do Miño xa que segundo denuncia dos veciños, nunha vivenda estaba a levarse a cabo unha festa que ocasionaba moitas molestias.

Os axentes comproban que se escoitan voces e cánticos en ton alto polo que se procede á identificación da responsable da vivenda, manifestando que estaban a celebrar unha festa de aniversarios, habendo no interior 12 adultos e 6 nenos, todos sen máscara de protección e moitos deles NON CONVIVENTES, polo que se levanta acta denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia xa que a vixente normativa da Consellería de Sanidade para o municipio de Lugo limita os grupos de persoas para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, a un máximo de 10 persoas, excepto no caso de persoas conviventes, nos que non se aplica esta limitación.

Así mesmo levántase acta denuncia polos ruídos xerados por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Noticias relacionadas