Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Xoves, 02 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Filtros seguridade viaria

Durante a mañá do mércores, os axentes da Unidade de Atestados realizaron as probas de alcoholemia a un condutor ao que se observou unha condución irregular, na rúa San Roque, obtendo un resultado positivo de 0.43 e 0.38 miligramos de alcol por litro de aire expirado, polo que foi denunciado administrativamente, levando consigo unha sanción económica de 500 € e a detracción de catro puntos do permiso de condutor.

O vehículo tivo que ser trasladado ao depósito municipal polo servizo de guindastre, xa que non había ningunha persoa que se fixese cargo do mesmo, nin un lugar adecuado na vía pública para a súa inmobilización.

Persoa agresiva en interior de domicilio

Ás 8’40 horas do mércores, unha patrulla de Policía de Barrio é comisionada nunha vivenda da rúa Yánez Rebolo, xa que, segundo chamada telefónica recibida na Sala do 092, había unha persoa nun estado moi agresivo. Acudidos de inmediato no lugar, os axentes comproban que un individuo está a suxeitar a outro, que se mostra agresivo, polo que se fan cargo da situación e controlan ao devandito individuo ata a chegada dos servizos sanitarios, que proceden ao seu traslado a un centro sanitario. Das investigacións iniciais despréndese que se trata dun individuo que ten unha habitación alugada no piso e que se puxo naquel estado presuntamente polo consumo de cocaína, causando varias desfeitas, aínda que a titular do inmoble non desexaba presentar ningún tipo de denuncia.

Auxilio a persoa en vía pública

Ás 19’00 horas, unha patrulla de Policía de Barrio recibe aviso sobre unha persoa tirada na vía pública, na rúa Río Ser. Unha vez no lugar, os axentes comproban que se trata dun home que está a ser atendido polo 061 xa que, segundo testemuñas presenciais, achábase recollendo cabichas cando caeu e golpeouse contra o chan. Foi evacuado a un centro sanitario. Os axentes dirixíronse ao lugar onde residía o home, poñendo o sucedido en coñecemento da moradora, que manifesta que o acollía temporalmente xa que non tiña onde quedar, pero que non pernoitaría máis no devandito lugar, motivo polo cal a súa situación foi posta en coñecemento dos Servizos Sociais.

 

Noticias relacionadas