Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Mércores, 02 de setembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Incumprimentos medidas prevención COVID-19

Durante o día 31 de agosto os axentes da Unidade Territorial de  Policia de Barrio observaron once incumprimentos das medidas preventivas con motivo do Covid-19, por non facer uso da máscara obrigatoria.

As actas - denuncia foron confeccionadas por infraccións detectadas na  Rda. Fontiñas, Rúa San Isidro Labrador, Praza Milagrosa,  Avd. Coruña,  Camiño Real, Lamas de Prado, Cale Saúde e Rúa  Caravel.

En dous casos, os presuntos infractores tamén foron denunciados por unha infracción á Lei de Protección de Seguridade Cidadá, por desobediencia aos axentes da autoridade, xa que, a pesar das advertencias dos policías, negábanse a facer uso das máscaras obrigatorias.

Unha das persoas denunciadas atopábase ante a porta de acceso a un establecemento comercial, sen gardar a distancia de seguridade interpersoal coa clientela que accedía ou saía do local; outro suxeito manifestou aos axentes que non a podía poñer porque “me angustia”; noutro dos supostos, o presunto infractor alegou que ía facendo deporte, aínda que os policías comprobaron que camiñaba sobre a beirarrúa, empuxando unha bicicleta; outra das persoas denunciadas dixo vir de casa, onde se esqueceu a máscara, aínda que realmente procedía do interior dun establecemento de hostalería; por último, outro dos suxeitos, que levaba a máscara sobre o queixo, foi inicialmente advertido polos axentes de que debería facer un uso adecuado da mesma, momento no que lla colocou aínda que, ao separarse uns metros dos policías, volveu baixar de novo.

Auxilio a persoa maior desorientada

Ás 11’50 horas do día 1 de setembro, se  comisiona unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio nun inmoble da Praza do Rei, xa que a Sala do 092 recibira información sobre unha persoa de avanzada idade que se atopaba no lugar desorientada.

Unha vez no lugar, os axentes comprobaron que se trataba dunha muller, de 78 anos de idade, que se atopaba sentada nun  rellano do edificio, acompañada de dúas veciñas do mesmo, as cales manifestaban que a muller levaba alí aproximadamente unha hora, sen reaccionar ante os intentos de ser axudada.

Os axentes conseguen interactuar coa muller, comprobando que reside nun piso do mesmo edificio, ao cal a acompañan, permanecendo coa mesma ata contactar telefonicamente coa súa filla, á que informan do ocorrido, sendo informados de que a muller debería tomar un tratamento que, nalgunha ocasión omite, producíndose estas situacións.

Noticias relacionadas