A Comisión de Tráfico aproba os plans de ordenación circulatoria para acometer 7 obras en rúas e celebrar o Corre con Nós do sábado

As actuacións impulsadas polo Goberno abordadas na xuntanza de hoxe suman un investimento de 1M€ na cidade

Trátase da mellora das rúas Pedáneo Xohán Diego, Salvador de Madariaga, Santo Graal, Torre de Doncos, Chaos e Camiño de Liñares, e do vial de Milleirós a Tolda de Milleirós, así como a colocación de topes de aparcamento en Mártires de Carral

Xoves, 17 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Comisión de Tráfico do Concello de Lugo, que preside a Alcaldesa, Lara Méndez, celebrou este xoves pola mañá no Salón de Comisións unha xuntanza na que quedaron aprobados os plans de ordenación circulatoria necesarios para acometer 7 obras de mellora e dotación de servizos en rúas da cidade que suman un investimento de 1M€, así como para celebrar a carreira Corre con Nós prevista para este sábado pola tarde.

 As actuacións impulsadas polo Goberno para as que se aprobaron os plans de tráfico na Comisión son as seguintes:

  • Pavimentación e renovación de servizos na rúa Pedáneo Xohán Diego (tramo pendente ata a rúa Fisterra), en Paradai, cun orzamento de 138.000€ do Plan de Barrios. O contrato está asinado.
  • Reconstrución do firme e da rede de pluviais da rúa Salvador de Madariaga. Conta cun orzamento de 194.000€ do Plan de Barrios e atópase en licitación.
  • Pavimentación da rúa Santo Graal, na Piringalla. En licitación, ten un presuposto de 310.000€ do Plan de Barrios.
  • Reurbanización da rúa Torre de Doncos, nas Gándaras. Foi contratada en 132.000€, con cargo ao Plan de Barrios.
  • Pavimentación da rúa dos Chaos e Camiño de Liñares, en Garabolos. Financiada a través do Plan Único provincial, está contratada por 76.200€.
  • Pavimentación do vial de Milleirós a Tolda de Milleirós. O contrato desta obra está asinado por un importe de 56.600€, con cargo ao Plan Único.
  • Colocación de topes de aparcamento na Praza Mártires de Carral. Adxudicada por 1.000€, achegados polo Plan de Barrios.

Así mesmo, tamén se aprobou o plan de tráfico para levar a cabo a reposición do pavimento necesaria tras dúas reparacións da rede de abastecemento efectuadas na avenida da Coruña, unha a altura do cruce coa Ronda da Muralla e outra no de García Abad.

Estas obras en viais mellorarán a seguridade e a comodidade de viandantes e peóns, e polo tanto a calidade de vida dos veciños e veciñas de Lugo, o obxectivo do modelo de cidade no traballa o Goberno, máis cómoda, amable, accesible, verde e sostible.

Noticias relacionadas