A Comisión de Contas dá luz verde á aprobación definitiva das vantaxes fiscais impulsadas polo Goberno, de aplicación en xaneiro

Os cambios das ordenanzas para bonificar nun 95% o IBI das explotacións agrogandeiras, e eximir do copago de comida no fogar a persoas en risco de exclusión social e de determinadas matrículas da Escola Municipal de Música non recibiron alegacións

A única alegación presentada á exención do IBI á Xunta por cinco centros sanitarios durante seis anos para afrontar o equipamento do novo auditorio ten un ditame técnico desestimatorio, segundo o que carece de calquera fundamento nunha infracción do ordenamento xurídico

O Goberno lamenta “a nova falta de respecto institucional” da Xunta cara o Concello ao non invitalo á xornada de portas abertas do auditorio, “por cortesía e respecto entre administracións” e pola “cooperación e esforzo da entidade local para a súa construción e posta en marcha”

Venres, 22 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Comisión de Contas deu este venres luz verde á aprobación definitiva no Pleno ordinario do vindeiro xoves 28 do paquete de vantaxes fiscais impulsado polo Goberno para dinamizar o medio rural e contribuír á igualdade de oportunidades dos veciños e veciñas máis desfavorecidos, uns cambios que entrarán en vigor no momento da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e que comezarán a aplicarse o día 1 de xaneiro.

A Corporación aprobou de maneira inicial estas medidas o 26 de outubro e tras a exposición pública non recibiron alegacións as modificacións das ordenanzas referidas á implantación dunha bonificación do 95% no Imposto de Bens Inmobles (IBI) das construccións destinadas a actividades económicas agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario co fin de dinamizar social e economicamente o rural, así como a exención do copagamento nos casos en que o motivo que orixina esta prestación sexa unha problemática de exclusión social, desestruturación familiar ou pobreza infantil e a matrícula gratis nas materias do Bloque D para o alumnado da Escola Municipal de Música que xa superara os 6 anos de permanencia no centro na súa materia instrumental, e tamén para os que xa estean matriculados en unha ou máis materias de calquera do resto dos bloques.

Con respecto á exención do IBI á Xunta por cinco centros sanitarios durante seis anos para afrontar a dotación do equipamento do novo auditorio, a única alegación presentada ten un dictame técnico desestimatorio, segundo o cal carece de calquera fundamento nunha infracción do ordenamento xurídico.

Por outra banda, a Concelleira denunciou a “nova falta de respecto institucional” da Xunta de Galicia ao non invitar ao Concello á xornada de portas abertas no novo auditorio que organizou hoxe, “por pura cortesía e respecto entre administracións”, pero “tamén tendo en conta a achega e o esforzo que fixo, fai e fará” a entidade local para a súa construción e posta en marcha”.

Audio

Noticias relacionadas