Comezaron as reunións cos sindicatos para negociar a Relación de Postos de Traballo do Concello de Lugo

Mércores, 16 de xaneiro de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, presidiu a reunión que mantivo esta mañá cos seis sindicatos con representación na Xunta de Persoal, e no que comezaron as negociacións de todo o que se refire á relación de postos de traballo do Concello de Lugo.

Nesta primeira reunión, tomouse o acordo de establecer unha periodicidade semanal para manter as reunións e pechar os asuntos que se deben tratar coa suficiente antelación como para que cada unha das partes poida estudalas en profundidade.

Luis Álvarez incidiu na importancia que ten para os traballadores e para a propia institución “o documento final que resulte destas reunións” e asegurou que “todos os que participamos estamos convencidos de que se vai chegar a un acordo favorable para todas as partes xa que o clima da reunión foi moi bo”.

O portavoz do Goberno Local avanzou que para o próximo martes “se vai facer un estudo en profundidade do Plan de Emprego dos traballadores do Concello” e que contén aspectos tan importantes como a estabilidade dos traballadores, os sistemas de promoción, os sistemas de retribucións e os sistemas de formación. Álvarez tamén se referiu a que “somos conscientes de que detrás de todo este proceso hai demandas laborais pero debemos buscar o acordo nas modificacións a levar a cabo”.

Multimedia

Noticias relacionadas