Comezan os traballos de demolición do tapón urbanístico da rúa Dona Urraca, que permitirá mellorar a comunicación entre os barrios da Piringalla e Lamas de Prado

Mércores, 25 de abril de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Trátase dunha demanda veciñal histórica que vai permitir mellorar a seguridade viaria nun paso que é empregado diariamente por cativos que van aos colexios da zona e por persoas maiores que se dirixen ao centro social do Castiñeiro

A concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, Paz Abraira, anuncia que un dos obxectivos do seu departamento é “acometer obras deste tipo que permitan unha rexeneración urbana en barrios e zonas degradadas da cidade”

Esta mañá comezaron os traballos de demolición do tapón urbanístico da rúa Dona Urraca, unha demanda veciñal histórica que permitirá mellorar as comunicacións entre os barrios da Piringalla e Lamas de Prado, na zona norte da cidade. Esta actuación conta cun orzamento de 25.000 euros por parte do Concello.
 
A concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira, que supervisou esta mañá os traballos de demolición acompañada por representantes das asociacións de veciños da zona, que levaban máis de 15 anos reclamando esta actuación, afirmou que se trata dun “día histórico para os veciños desta zona da cidade”. Paz Abraira aproveitou a visita a estas obras para anunciar que un dos obxectivos do seu departamento será o de “acometer obras deste tipo que permitan realizar unha rexeneración urbana en barrios e zonas degradadas da cidade”.

A concelleira nacionalista explicou que a eliminación deste tapón urbanístico, coa demolición do inmoble número 102 desta Rúa, que se atopa abandonado e fóra de ordenación, servirá para mellorar o paso nunha zona que ata agora era moi estreita. O ensanchamento da rúa facilitará a conexión das rúas Dona Urraca e Camiño Verde con Mar Cantábrico e servirá para mellorar a seguridade vial posto que “o paso no que se vai actuar é empregado diariamente por cativos que se dirixen aos colexios da zona, por persoas maiores que van ao centro social da Praza do Castiñeiro e por numerosos vehículos que o utilizan como atallo para dirixirse á zona norte da cidade”. O paso estreito e a nula visibilidade constituía un gravísimo perigo para a seguranza vial.

Melloras nunha vivenda anexa, que está habitada

A actuación que se vai acometer consiste no derrubamento do inmoble que supón o entullo, o número 102, que está deshabitado en en situación de ruína eminente, e o ancheado e asfaltado da rúa, que gañará varios metros de ancho. As obras de demolición foron adxudicadas á empresa Canalugo por un importe de 8.017,42 euros. Unha vez rematados estes traballos procederase á adxudicación das obras de asfaltado e sinalización, por un importe de outros 17.000 euros.

Paz Abraira explicou que esta obra foi posible despois de longas e dificultosas xestións coa familia propietaria do inmoble, en mans de moitos herdeiros. O Concello conseguiu no pasado mes de outubro facerse coa titularidade da casa, a número 102 da rúa Dona Urraca, así como dunha parcela anexa. Tanto a vivenda como a súa finca están calificados no Plan Xeral como viario, pero forman parte dun polígono de actuación que non se desenvolveu.

A concelleira de Infraestruturas agradeceu esta cesión ao Concello, efectuada de xeito gratuíto e voluntario por parte dos propietarios, o que permitirá acometer esta mellora na cidade de maneira inmediata, sen agardar que se desenvolva a unidade de actuación. Os donos non perden os dereitos edificatorios, que os farán efectivos no momento de desenvolverse a unidade de actuación.

A superficie total na que se vai actuar é de 64 metros cadrados (51 metros cadrados do inmoble e 13 metros cadrados da finca anexa). Os traballos consisten na demolición e desescombro da casa, e procederá a continuación á repavimentación da rúa e á delimitación dunha zona para o paso dos peóns. A obra ten unha certa complexidade técnica, xa que pegada hai outra casa, habitada, polo que previo ao derrubo tivo que realizarse un protocolo de fendas para separar a edificación a tirar da edificación colindante a conservar. Foi preciso cortar as vigas de madeira que estaban embutidas na parede medianera que compartían ambos inmobles. Os traballos incluirán unha serie de traballos de mellora e consolidación na edificación colindante que se conserva, así como de impermeabilización.

Paz Abraira tamén deu conta de que o Concello está tamén en negociacións cos propietarios do inmoble que se atopa do outro lado da rúa, tamén deshabitado, para a cesión dun alpendre que se atopa fóra de ordenación e que dificulta a visibilidade para proceder tamén ao seu derrubamento por parte do Concello.

Máis información en obras en marcha.

 

Multimedia

Noticias relacionadas