Comezan as obras para modernizar o control de accesos no casco histórico para axilizar entradas e saídas e reducir o tempo de estancia

Lara Méndez lembra que esta medida tamén aposta por reducir os niveis de contaminación medioambiental, acústica e de vibracións para protexer a zona histórica

Os bolardos retráctiles actuais serán substituídos por cámaras de lectura das matrículas

Manteranse as actuais zonas de entrada e saída, pero reordenarase a confluencia da Rolda da Muralla con rúa Vilalba, que será de dobre dirección, ao igual que Porta Miñá

A actuación de maior entidade realizarse no acceso por Bispo Aguirre, que hoxe foi valado, establecéndose un paso alternativo por Porta de Santiago

Martes, 06 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comezan as obras para modernizar o control de accesos no casco histórico para axilizar entradas e saídas e reducir o tempo de estancia

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou esta mañá o inicio das obras de modernización dos accesos rodados ao casco histórico, coas que se substituirán os bolardos retráctiles actuais por cámaras de lectura das matrículas co fin de axilizar as entradas e saídas e reducir o tempo de estancia dos vehículos na zona amurallada.

A rexedora lembrou que con esta actuación “intentamos modernizar Lugo pero, especialmente,  protexer a zona histórica e, polo tanto, o noso rico patrimonio, desde un punto de vista medioambiental, rebaixando as emisións de CO2 así como a contaminación acústica e de vibracións, seguindo os piares do noso modelo de cidade, máis ecolóxica e amable”.

Lara Méndez lembrou, así mesmo, que as directrices europeas van encamiñadas á eliminación das barreiras físicas como medidas de control de accesos. Ademais, o actual sistema, que está xa moi amortizado ao ser do ano 2001, presenta avarías frecuentes que, nalgúns casos e debido á dificultade na dispoñibilidade dos compoñentes ao desaparecer o provedor do mercado, tardan en arranxarse.

Cos novos controis, o Concello pretende tamén corrixir a picaresca actual, xa que as cámaras incorporarán de maneira automática o expediente sancionador de quen incumpre.

Os permisos de accesos se manterán, como até agora, para os  3.000 residentes que existen neste intre, así como para os vehículos de carga e descarga e os permisos especiais.

O novo sistema manterá as seis zonas de control de acceso existentes: a porta bidireccional da Rúa do Progreso; as portas de saída na rúa Amañá e Praza da Constitución e as de entrada en Luis Peña Novo, Porta de Santiago e na confluencia de Rolda da Muralla con rúa Vilalba. Esta última incorpora unha modificación xa que pasará a ser de dobre dirección ao igual que  a Porta Miñá.

A da Rolda coa rúa Vilalba trátase da actuación de maior entidade e que suporá reordenar o espazo urbano na zona peonil da Rolda inmediata á Porta de Bispo Aguirre, que xa foi valada esta mañá.  Así, estableceranse neste acceso dous carrís diferenciados: un de entrada, que transcorrerá pola marxe dereita, e outro de saída, pola esquerda da rúa e máis próximo á Muralla, que estarán regulados por semáforos. Esta mañá, as máquinas comezaron a levantar o pavimento de Bispo Aguirre para instalar as cámaras de control, así como a nova sinalización semafórica. A obra suporá tamén o traslado dos farois públicos ao centro da rúa.

A execución, que foi adxudicada por 253.745 euros, estará finalizada nun prazo de entre dous e tres meses. O inicio sufriu un retraso debido as restricións da COVID-19.

Plan de tráfico

O novo plan de tráfico que entrará en vigor impedirá, de forma temporal, o acceso ao casco histórico dende a rúa Vilalba, establecéndose a Porta de Santiago como paso alternativo para residentes e vehículos autorizados. Unhas limitacións que se estenderán, aproximadamente, seis semanas, e que serán informadas coa sinalización pertinente.

A empresa encargada da execución dos traballos procedeu, igualmente, á colocación de carteis informativos no semáforo da rúa Santiago, no carril esquerdo da Ronda da Muralla, onde comeza a zona peonil así como tamén nas inmediacións das obras.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre as obras no Casco Histórico | Descargar mp3

Noticias relacionadas