Comezan as obras de substitución do fibrocemento na rúa Aviación Española para as que o executivo de Lara Méndez destina 156.000 euros

Estes traballos enmárcanse no plan posto en marcha polo goberno municipal para renovar as canalizacións da auga nas rúas con maior número de avarías.

A intervención contempla a renovación das tubaxes actuais por outras de fundición nun total de 33 acometidas da vía e a reposición de pavimentos.

Xoves, 12 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comezan as obras de substitución do fibrocemento na rúa Aviación Española para as que o executivo de Lara Méndez destina 156.000 euros

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, supervisaron este xoves o inicio das obras de substitución do fibrocemento na rúa Aviación Española. Estes traballos, que contan cun orzamento de 156.131 euros,  enmárcanse no plan posto en marcha polo executivo municipal para renovar as canalizacións da auga nas rúas con maior número de avarías.

A intervención contempla, deste xeito, a renovación da rede de abastecemento substituíndo as tubaxes de fibrocemento existentes por tubaxes de fundición dúctil de diámetro 125 mm, nun total de 33 acometidas desta vía, cos correspondentes elementos complementarios da rede, como válvulas, bocas de rega e incendios e todas as acometidas domiciliarias. Todo iso previa retirada das tubaxes de fibrocemento existentes.

Así mesmo, levarase a cabo a demolición e reposición de pavimentos afectados polas obras de renovación da rede de abastecemento. O prazo máximo de execución das obras é de sete meses.

Plan de 1,2 millóns para a substitución do fibrocemento

Co obxectivo de erradicar a presenza deste material, o executivo de Lara Méndez, acordou destinar un investimento superior a 1’2 millóns de euros a través do cal a área de Medio Ambiente está a substituír estas tubaxes por outras de fundición en 14 rúas da cidade. A través deste plan actuarase, en total, sobre 250 acometidas e se substituirán 4.080 metros de tubaxes, concentrando, fundamentalmente, os esforzos nas contornas de Fingoi, Marina Española e a Cheda.

En concreto as vías afectadas son as rúas Bataneira e Figueira, Aviación Española, Armórica, Escultor Asorei, Rei don García, a marxe dereita da avenida Marqués de Ombreiro e boa parte do barrio da Cheda, que inclúe as rúas Río Landro, Eume, Pousadela, Masma, Sar, Pambre e Azúmara. Os traballos inclúen, ademais da substitución das canalizacións, a renovación completa das beirarrúas, que suman 6.550 metros de pavimento, actuando, de forma integral, sobre estas vías.

Multimedia

  • Comezan as obras de substitución do fibrocemento na rúa Aviación Española para as que o executivo de Lara Méndez destina 156.000 euros

Noticias relacionadas