Comezan as obras de mellora da accesibilidade peonil no entorno da Praza do Ferrol cun investimento municipal de 43.800 euros

Lara Méndez e Miguel Couto supervisaron este luns o inicio dos traballos que contan cun prazo de execución dun mes.

Consistirán na eliminación dos bordos e rebaixes existentes, para conseguir unha nova vía transitable, libre de obstáculos, entre a Porta Falsa e o casco histórico.

Luns, 30 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comezan as obras de mellora da accesibilidade peonil no entorno da Praza do Ferrol cun investimento municipal de 43.800 euros

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, supervisaron este luns o inicio das obras de renovación do pavimento e mellora da accesibilidade peonil no entorno da Praza do Ferrol, para as que o executivo municipal destina 43.800 euros. Estes traballos contan cun prazo de execución dun mes, polo que a previsión é que estén rematados a final de ano.

Lara Méndez explicou que “esta intervención afectará a área comprendida entre a Praza do Ferrol e a escalinata de acceso á Muralla. O obxectivo é mellorar a accesibilidade peonil dende o acceso pola Porta Falsa ao centro histórico, dando a opción de transitar sen ningún tipo de obstáculos pola beirarrúa esquerda da Praza do Ferrol, en paralelo ao ambulatorio”.

Así, os traballos contemplan a mellora do tránsito peonil na zona, acadando unha nova vía transitable, sen bordos nin rebaixes, cara á beirarrúa esquerda no sentido de acceso cara ao interior do Centro histórico. Para iso realizaranse as oportunas eliminacións dos pavimentos existentes e a demolición das soleiras que os soportan naqueles casos nos que sexa necesario para a construción e adaptación de itinerarios accesibles.

Ademais recolocarase o mobiliario urbano na área, tanto bancos, como adaptación de rexistros e arquetas existentes, eliminaranse parcialmente os bolardos e colocarase un pavimento drenante para os alcorques existentes nas proximidades da escalinata da Muralla (nos que existen actualmente dúas unidades de camellia japónica), eliminando tamén os bordos que definen os citados alcorques.

Por outra banda, o tramo comprendido entre a escalinata e os Xardíns da Deputación, en paralelo á Muralla, continuará sendo un espazo de convivencia, no que se permitirá o uso mixto de vehículos, para a entrada e saída das dependencias provinciais, e peóns, tendo prioridade estes últimos.

Neste senso, prevese a construcción dunha rampa de acceso ao canellón dende o carril vehicular xa existente. Para iso, realizarase un despezamento de pavimento de granito diferente, tanto en grosor como en tamaño e formato de pezas a realizar para evidenciar no plano de pavimentos a construír ese uso mixto referido anteriormente.

Documento

 

Noticias relacionadas