Comezan as demolicións da Croa, trámite previo á regularización definitiva das vivendas da zona que impulsou Lara Méndez

A alcaldesa de Lugo asistiu esta tarde ao inicio das tarefas de derrubamento dunha decena de edificacións deshabitadas que ocupaban os terreos municipais.

Os traballos, que terán un custo de 36.728 euros e un prazo de execución dun mes, son o derradeiro paso para que o Concello poida rexistrar o parcelamento dos predios antes de cederllos aos seus propietarios.

Xoves, 04 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comezan as demolicións da Croa, trámite previo á regularización definitiva das vivendas da zona que impulsou Lara Méndez

Lara Méndez segue a avanzar no procedemento para entregar ás familias que ocupan as 15 vivendas da Croa as escrituras das mesmas.

Esta tarde, a rexedora asistiu ao inicio dos labores de derrubamento das edificacións que ocupaban os terreos, paso previo para que o Concello poida rexistrar o parcelamento dos predios antes de cederllos aos seus adxudicatarios.

“Trátase dunha decena de pequenas construcións, a maioría en estado ruinoso e deshabitadas dende hai décadas, que se manteñen no ámbito de actuación do proxecto e que resulta preciso eliminar para proceder á regularización da propiedade. A intervención terá un custo de 36.728 euros e un prazo de execución dun mes”, indicou a alcaldesa.

Méndez explicou que as obras que comezaron hoxe darán como resultado unha zona libre dunha extensión aproximada de 1.900 m², entre áreas verdes e dotacionais.

“O espazo será inmediatamente acondicionado, creando áreas de esparexemento que darán servizo á contorna e, nomeadamente, ás e aos residentes deste núcleo para o que se terán en conta tamén as súas demandas. E, debido a que o proxecto de parcelamento xa está rematado, o único que resta é aprobalo definitivamente, antes de rexistrar as novas parcelas resultantes e adxudicarllas ás súas e aos seus titulares”, afirmou a rexedora.

A alcaldesa lembrou que, logo da encomenda de xestión que o Consello de Administración de Evislusa aceptou en xuño de 2020 para redactar o proxecto de parcelación desta superficie municipal, se levaron a cabo, entre outras tarefas asociadas necesarias, o estudo topográfico, a validación catastral e a prospección arqueolóxica da extensión afectada, debido á súa proximidade ao xacemento do Castro de A Croa. Traballos que, no seu conxunto, supuxeron un investimento doutros 35.000 euros.

O núcleo residencial de A Croa tivo a súa orixe no ano 1992, na etapa de Goberno do PP no Concello, como un proxecto de construción de vivendas no marco dun plan para a erradicación do chabolismo. Nese ano asinouse o acordo de cooperación entre o Concello e o IGVS para sacar adiante a iniciativa e, en 1995, concedeuse a licenza de construción. No 2008, o Concello solicitou a inscrición da parcela na que se sitúan os inmobles no Rexistro da Propiedade, e tralo pulo dado ao procedemento polo Executivo de Lara Méndez, foi no ano 2016 cando se formalizou a inscrición dos mesmos no Rexistro, que este organismo remitiu á entidade local en xuño de 2017.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre as demolicións de A Croa | Descargar mp3

Noticias relacionadas