Comeza a remodelación do parque Novo Freire para acondicionalo como punto de encontro para persoas de todas as idades

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, destacan o valor deste espazo, que disporá de zonas para xogos infantís, adolescentes e maiores.

A rexedora destaca os avances do Goberno local para dotar á cidade de novos espazos urbanos verdes e de lecer para a convivencia de toda a cidadanía.

Nesta actuación, que abarcará unha área de 574 metros cadrados, investiranse 153.000 euros. O prazo de execución previsto é de dous meses e medio.

Martes, 23 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comeza a remodelación do parque Novo Freire para acondicionalo como punto de encontro para persoas de todas as idades

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, achegáronse esta mañá á Rúa Alcalde Xosé Novo Freire con motivo do inicio dos traballos para a creación dunha nova zona de recreo, urbana e multifuncional, que se instalará no lugar da xa existente. “Unha mellora coa que continuamos a ampliación de espazos de lecer para uso público, de carácter interxeracional, dentro do noso modelo de cidade máis agradable, verde, cómoda e accesible”, explicou a rexedora.

A nova área de xogos terá unha superficie total de 574 metros cadrados. Neste proxecto, que ten un prazo de execución de dous meses, investiranse 153.525 euros.

Lara Méndez sostivo que con esta acción se busca recuperar esta zona, “acondicionándoa como punto de encontro para persoas de todas as idades, con usos que permitan a multifuncionalidade e a flexibilidade, achegando confort e seguridade á veciñanza da zona”.  O fin é fomentar a creatividade, o exercicio físico, a sociabilidade e a interacción da cidadanía, sumando deste xeito un novo espazo para a convivencia, dende cativos a maiores”.

Neste senso, o novo parque contará con catro zonas de lecer:

  • Unha zona de xogos infantís, que disporá dunha torre multidisciplinar e outros elementos como un carrusel, un tren, columpios e xogos inclusivos para nenos e nenas con mobilidade reducida.
  • Unha zona deportiva para adolescentes, que contará cun circuíto de Street Workout, é dicir, con diferentes estruturas destinadas ao exercicio físico ao aire libre.
  • Unha zona de máquinas biosaudables para adultos, que incluirá media ducia  de aparatos de ximnasia, todos eles con estrutura de aceiro galvanizada.
  • E un espazo intermedia ou de descanso, con mobiliario urbano como bancos, unha fonte de beber dobre e adaptada para persoas con mobilidade reducida, árbores e papeleiras.

Renovación e dotación de novos parques

A alcaldesa destacou os avances do Goberno local en crear novos espazos urbanos verdes e de lecer para a cidadanía, como o novo parque ubicado entre as rúas Manuel María e Túnel de Oural, na Piringalla, pendente para a súa inauguración da instalación da fonte das Lavandeiras. En breve comezarán tamén as obras de ampliación, mellora e cubrición do parque de Augas Férreas.

Lembrar tamén que se realizaron melloras na zona recreativa de Aquilino Iglesia Alvariño, que se puxo en marcha un novo parque infantil na Praza de Bretaña e que se ampliaron os parques infantís de Campo Castelo e Albeiros, entre outras actuacións.

Noticias relacionadas