Comeza a poda dos 1.600 exemplares que compoñen o arboredo municipal

As tarefas, que se levarán a cabo en máis dunha trintena de vías, se estenderán ata finais de febreiro

Os traballos consistirán na eliminación das pólas danadas co fin de vixiar a saúde das árbores e controlar que o seu crecemento sexa proporcionado

O edil de Medio Ambiente solicita a colaboración cidadá para facilitar a execución dos traballos que poderán implicar cortes puntuais dalgún carril de circulación

Venres, 09 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comeza a poda dos 1.600 exemplares que compoñen o arboredo municipal

Esta semana daban comezo as tarefas de poda do arboredo municipal. En total os traballos afectarán a 1.600 exemplares dunha vintena de especies distintas, distribuídas entre as rúas, onde se atopan plantados ao redor de 900, e os xardíns, nos que se contabilizan aproximadamente outros 700.

Segundo explicou o edil de Medio Ambiente, “os labores consistirán, fundamentalmente, na eliminación de pólas danadas, malformadas ou desviadas co fin de vixiar non só a saúde das árbores - evitando o aloxamento de parásitos e a afección de pragas - senón tamén para controlar o seu crecemento e que este sexa proporcionado e ben dimensionado coa contorna á que pertencen”.

Álvaro Santos relatou que as primeiras intervencións están tendo lugar no Camiño de Romai, Camiño da Roca e Praza de Viana do Castelo, rúas Acacia, das Fontes e Juana la Loca e que, en vindeiras xornadas, se desenvolverán tamén noutras zonas da capital como son a Praza do Campo Castelo, Praza Maior, Praza da Soidade, Avenida Ramón Ferreiro, rúa Montevideo e Ronda da Muralla.

“Un mantemento que se estenderá, a continuación, pola Fonte dos Ranchos, xardíns de Simón Bolívar, Illas Canarias, Ramón Montenegro, rúa dos Paxariños, rúa Santiago, Agro da Ponte e Rampla de Claudio López, de maneira que se garanta a boa conservación da ornamentación vexetal que temos en toda a cidade”, engadiu.

O concelleiro indicou igualmente que o dispositivo que se encargará das actuacións está integrado por entre tres e cinco operarios que disporán dun elevador e de dous camións para a recollida dos despoxos e que, durante a realización das mesmas, será preciso proceder ao corte dalgún carril de circulación ou ben suprimir algunhas prazas de estacionamento nas inmediacións para poder deixar os restos da ramallada ata a súa retirada.

“En calquera caso, trátase de restricións puntuais e momentáneas que poden afectar ao tráfico rodado ou á mobilidade peonil pero que serán debidamente sinalizadas con antelación, mesmo notificando aos propietarios dos vehículos que se atopen aparcados na parte da calzada afectada mediante a colocación de avisos nos parabrisas”, trasladou Santos Ramos ao tempo que solicitou a colaboración cidadá para facilitar a execución dos traballos.

O responsable de Medio Ambiente referiu que o Plan de Poda adaptará estas tarefas ás demandas puntuais que poida ter o servizo, ás urxencias e, como non, tamén a climatoloxía que podería condicionar a rapidez coa que se levan a cabo e que, se prevé, rematen a finais de febreiro.

Audio

  • O concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre o inicio do Plan de Poda | Descargar mp3

Noticias relacionadas