Comeza o II Encontro de Moda, Vestimenta, Artesanía e Produtos da época romana

A Praza Maior acolle este evento do Lvcvs Cvltural no que colaboran o Concello e Lugo Monumental

O domingo terá lugar o Desfile de Moda e Vestimenta da Época Romana 

Venres, 17 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O II Encontro de Moda, Vestimenta, Artesanía e Produtos da época romana, que organizan en colaboración o Concello e a asociación Lugo Monumental, abriu esta tarde as súas portas con gran afluencia de público e entre os numerosos visitantes que pasaron por ela estiveron o Alcalde, José López Orozco; a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, así como o presidente de Lugo Monumental, Luis Latorre.

O evento, que se vai celebrar ata o domingo na praza Maior, ofrece todo tipo de mercadorías relacionadas coas culturas romana e castrexa nas que poder adquirir produtos para comezar os preparativos do vestiario e adornos que lucir no Arde Lvcvs. Ademais dos postos de venda de artesanía e produtos da época romana, instalados fronte á Casa do Concello, un grupo de tecelás traballaron coa lá á vista do público nos soportais do Pazo municipal.

O II Encontro de Moda, Vestimenta, Artesanía e Produtos da Época Romana permanecerá aberto ata o domingo e complementase coa celebración de distintos obradoiros a cargo de asociacións do Arde Lvcvs. O horario de apertura das casetas será de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 22.00 horas.

Este evento rematará o domingo coa celebración da Mostra de Moda e Vestimenta da Época Romana no que atopar inspiración tanto no referido a vestiario e complementos como ós peiteados para o Arde Lvcvs. A Mostra de Moda e Vestimenta da Época Romana terá lugar a partir das 18.00 horas e está previsto o desfile da Cohors Lucensium Praetoria e o Senatus Lvcvs Augusti.

Multimedia

Noticias relacionadas