Comeza a funcionar a Oficina Municipal de Información sobre o PXOM

Mércores, 25 de febreiro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Estará aberta ata o 30 de abril, data na que rematarán as consultas á aprobación provisional do documento

O Alcalde de Lugo, José López Orozco e a Delegada de Urbanismo, María Novo, visitaron a Oficina Municipal de Información sobre o PXOM que abriu as súas portas no Centro Social Uxío Novoneyra e que estará en funcionamento ata o 30 de abril para todas as persoas que solicitasen cita previa.

Ata ese día pasarán por alí 660 persoas que serán atendidas de forma individual e persoalizada por algún dos tres técnicos municipais que resolverán todas as dúbidas relacionadas co documento urbanístico. López Orozco suliñou a importancia de que sexan os técnicos expertos en Urbanismo os que expliquen os aspectos que máis dúbidas suscitan “hoxe en día os veciños e veciñas de Lugo son os que máis saben de urbanismo de toda Galicia”.

Esta Oficina, que nace para resolver as dúbidas da cidadanía con respecto ao plan, cumpre o compromiso co que naceu este documento que foi exposto ao público o máximo tempo que permite a lei e do que agora se informará a pesar de que non é obrigatorio facelo, xa que o documento quedará aprobado definitivamente pola Xunta de Galicia.
A Delegada de Urbanismo anunciou ademais que se comezaron a comunicar por carta as respostas a todas as alegacións de forma persoal. O obxectivo do Goberno Local é dar unha información correcta, completa e persoalizada á cidadanía, garantindo a veracidade de todo o que se explica.
O Plan Xeral de Ordenación Municipal foi aprobado polo Partido Popular e o Partido Socialista nun Pleno extraordinario o pasado 23 de xaneiro e, posteriomente, unha vez dilixenciado polo Secretario, foi remitido á Consellería de Medio Ambiente. O paso seguinte é que o revise a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, que é quen aproba definitivamente o documento.
A Oficina de atención do Plan estará aberta a partir do día 25 de febreiro de luns a venres en horario de 9:00 ás 13:30 horas no Centro Social do Uxío Novoneyra. Pasra garantir unha atención completa, só se atenderá ás persoas que se acheguen ata a oficina e teñan cita.

Multimedia

Noticias relacionadas