Comeza en Lugo a campaña de Telerecicla

Venres, 26 de setembro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo colabora con Ecoembes, sociedade anónima sen ánimo de lucro cuxo obxecto é o deseño e xestión dun sistema encamiñado á recollida selectiva e periódica de residuos de envases e envases usados, nunha campaña de concienciación en Lugo co lema Telerecicla. Como parte da campaña, e co obxectivo de resolver as dúbidas dos lucenses sobre a reciclaxe dos envases destinados ao colector amarelo, Ecoembes puxo a disposición dos cidadáns un teléfono (902-05-03-01), unha páxina web (www.telerecicla.com) e un equipo de monitores que visitarán os domicilios en Lugo durante os días 26, 27 e 28 de setembro.

A campaña promocional persegue mellorar a calidade evitando erros da recollida selectiva no colector amarelo, resolver as dúbidas dos cidadáns sobre o proceso de reciclaxe, e concienciarlles sobre a necesidade de separar correctamente os envases lixeiros (envases de plástico, latas e briks). Ademais, para premiar o compromiso dos cidadáns coa reciclaxe, todos os participantes de Telerecicla poderán optar a gañar un coche, tan só demostrando canto saben sobre o colector amarelo e os envases que debe conter (só envases de plástico, latas e briks). Tanto o servizo telefónico (902-05-03-01) como a páxina web (www.telerecicla.com) permitirán aos cidadáns participar na promoción.

Monitores especializados en Lugo e outras oito cidades españolas
En Lugo e noutras oito cidades españolas (Teruel, Santiago de Compostela, León, Santander, Huesca, Ávila, Badaxoz e Albacete) os cidadáns poderán ademais de usar o servizo telefónico e a páxina web, solicitar como parte da promoción, a visita dun monitor especializado que irá ás súas casas para resolver as dúbidas sobre a separación de envases, e informarlles sobre os beneficios ambientais da reciclaxe.

Durante as visitas persoais, así como na páxina web e nas chamadas telefónicas, realizaranse cuestionarios con preguntas sobre a reciclaxe dos envases. As respostas correctas sumarán puntos para participar no sorteo ante notario dun coche ecolóxico. Na páxina web, os cidadáns poderán participar nos xogos Ecotrivial e Econtenedor, cos que sumar puntos para obter diferentes premios.

A campaña Telerecicla será de ámbito nacional e desenvólvese desde o 15 de setembro ata o 22 de outubro.

Sobre Ecoembes
Ecoembes é unha sociedade anónima sen ánimo de lucro, cuxo obxecto é a xestión dun sistema encamiñado á recollida selectiva, recuperación e reciclaxe dos envases lixeiros (envases de plástico, latas e briks) e os envases de cartón e papel. Este é o Sistema Integrado de Xestión (SIG), identificado polo Punto Verde. Entre os seus obxectivos, tamén cabe mencionar os esforzos realizados, en colaboración coa propia industria, na Prevención como contribución para reducir a xeración de residuos e o correspondente aforro de materias primas e enerxía.

Desde maio de 1998, data na que se iniciou a recollida selectiva en España, e ata finais de 2007, conseguíronse recuperar 8,9 millóns de toneladas de envases domésticos, das que se reciclaron 6,8 millóns de toneladas. Cos envases recuperados poderíase encher, ata sobordar, máis de 650 estadios de fútbol como o Santiago Bernabéu ou o Camp Nou.

Noticias relacionadas