Comeza a campaña de participación cidadá para que os lucenses decidan as obras que se executarán a través do Muramiñae Rehabilita

O Goberno de Lara Méndez abriu esta programación á cidadanía para que sexan os propios veciños e veciñas os que propoñan os traballos de mellora e adecuación de espazos que se levarán a cabo nos dez barrios DUSI da cidade
 
A través desta campaña darase a coñecer o programa entre os lucenses con publicidade sostible en bicicleta e repartiranse formularios a través dos que os veciños e veciñas poderán achegar as súas ideas e peticións
 
Actualmente estase a levar a cabo a selección de 24 peóns e 3 capataces para a execución dos traballos e continúa aberto o prazo, ata o 21 de xullo, para que as empresas interesadas no subministro de material presenten as súas ofertas

Venres, 10 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comeza a campaña de participación cidadá para que os lucenses decidan as obras que se executarán a través do Muramiñae Rehabilita

O Concello de Lugo puxo en marcha a campaña de participación cidadá para que os lucenses decidan as obras que se levarán a cabo enmarcadas no I Plan Socio-Laboral Muramiñae Rehabilita. Esta iniciativa permitirá desenvolver durante seis meses traballos de mellora e acondicionamento de espazos públicos nos dez barrios da cidade que integran a zona DUSI, ao tempo que se lle dá unha oportunidade laboral a 27 persoas de colectivos vulnerables. O orzamento do proxecto, financiado ao 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional, é de 654.000 euros.

Deste xeito, o Goberno de Lara Méndez decidiu abrir á cidadanía esta programación para que sexan os propios lucenses os que propoñan as actuacións que lles gustaría ver realizadas nos barrios de: Recatelo, A Cheda, A Ponte-San Lázaro, O Carme, Milagrosa, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, Abuín e  Saamasas. Deste xeito, levarase a cabo unha campaña participación cidadá para, unha vez recollidas as súas peticións, estudalas e levar a cabo un plan de acción de barrios.

Esta campaña servirá para visualizar e dar a coñecer o programa entre a veciñanza a través de publicidade sostible en bicicleta. Ademais, levarase a cabo unha pegada de carteis nos barrios que integran o proxecto Muramiñae, e repartiranse formularios a través dos que os veciños e veciñas poderán achegar as súas ideas e peticións.

As propostas tamén se poderán entregar de xeito presencial no buzón situado na oficina EDUSI, no Concello. Por outra banda, tamén se habilitaron canles electrónicas, así, as propostas poderanse enviar cubrindo un formulario a través da web www.muramiñae.eu, ou por WhatsApp no 649 339 295.

Selección do persoal

Actualmente estase a levar a cabo o proceso de selección dos candidatos para a execución das obras. En total crearanse 3 brigadas, conformadas por 27 persoas: 8 peóns e un capataz en cada unha delas, que se encargarán de realizar labores de xardinería e arranxos medioambientais, de albanelería e pavimentación e reparación de mobiliario e infraestrutura urbana nos barrios DUSI.

Na contratación daráselle prioridade aos desempregados de longa duración, mulleres, maiores de 55 anos, mozos e mozas menores de 30 atendidos polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil e persoas que estean en situación de vulnerabilidade acreditada por un informe de Servizos Sociais.

Contratación do material

O Concello tamén mantén aberto o prazo, ata o vindeiro día 21 de xullo, para que as empresas interesadas no subministro de material para a execución de ditas obras presenten as súas ofertas. O executivo municipal aprobou destinar un total de 606.000 euros á contratación da maquinaria e ferramentas necesarias para levar a cabo os traballos. A duración dos contratos será de seis meses, podendo prorrogarse por un período máximo dun ano, para atender as necesidades das brigadas.

A Zona DUSI atópase delimitada, a grandes rasgos, pola Avenida da Coruña, Poeta Curros Enríquez, rúa Mazaira, Flor de Lirio, Orquídea, Avenida Breogán, Orzabai, Fermín Rivera, paseo Álvaro Cunqueiro, Armando Durán, Praza de Avilés, Puro Cora, Avelino Pousa Antelo, Cidade de Viveiro e Ronda da Muralla.

Multimedia

  • Comeza a campaña de participación cidadá para que os lucenses decidan as obras que se executarán a través do Muramiñae Rehabilita

Noticias relacionadas