Comeza a aplicarse o control horario dos traballadores do Concello sen incidencias

Dende o 1 de febreiro os funcionarios están obrigados a rexistrar o inicio, remate e as pausas que fan durante a súa xornada laboral a través dos distintos mecanismos que xa se habilitaron en todas as dependencias municipais

A medida forma parte da nova planificación dos Recursos Humanos marcada como folla de ruta polo goberno de Lara Méndez para mellorar a eficacia e eficiencia das prestacións municipais

Martes, 04 de febreiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comeza a aplicarse o control horario dos traballadores do Concello sen incidencias

Dende o pasado día un de febreiro todo o persoal está obrigado a reflexar, mediante fichaxe, as entradas e saídas da súa xornada habitual así como as diferentes pausas e ausencias momentáneas que realicen durante a mesma.

O imperativo, trasladado a través dunha circular, comezou a facerse efectivo onte sen ningún tipo de incidencia, segundo comunicou a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos.

A edil indica que, nestes momentos, xa foron habilitados dispositivos de lectura biométrica tanto na Casa Consistorial como no Edificio Administrativo do Seminario ademais de na Policía Local, Bombeiros, Cei – Nodus, Oficina Dusi ou no recinto de Frigsa, onde dá servizo aos distintos servizos que acolle como pode ser o do Parque Móbil, etc.

“No resto de edificios onde hai un menor número de traballadores ou estes se rexen por un horario especial, como sucede no cemiterio, nos colexios de ensinanza infantil ou nos centros cívicos, o control estase a facer mediante unha aplicación informática instalada nos ordenadores. Na maioría desas dependencias xa dispoñen dela e nas que aínda non se atopa operativa son os xefes de departamento os encargados de recoller, a través de partes de sinatura, os horarios dos empregados municipais”, explicou Paula Alvarellos.

A responsable de Recursos Humanos referiu igualmente que a medida obedece á necesidade de que os e as funcionarias acrediten a relación dunha xornada mínima semanal de 35 horas de traballo efectivo para poder xustificar as gratificacións correspondentes á realización de horas extraordinarias.

Paula Alvarellos destacou tamén que, de forma paralela á posta en marcha dos reloxos, o Concello segue a dar pasos para que, de forma definitiva, entre en vigor o seu Regulamento de maneira que posibilite a tramitación dos procedementos de xustificación de permisos, vacacións, licenzas e outras situacións que afecten á xornada e horario laboral.

“Agora mesmo o documento xa elaborado, que se someterá proximamente a negociación, está nas mans dos sindicatos para que o valoren e acheguen as súas propostas co fin non só de mellorar a normativa básica en materia de Persoal senón tamén de determinar unhas instrucións xerais de organización, homoxéneas para todos os departamentos que, estamos seguros, redundarán na  eficiencia e eficacia das prestación municipais”, subliñou a concelleira.

“Un texto – abondou – no que se terán en conta especialmente a flexibilidade da xornada coa finalidade de que as e os empregados públicos poidan conciliar a súa vida familiar e laboral, no marco tamén da aplicación das políticas de Igualdade que se desenvolven, de xeito transversal, en tódolos departamentos do Concello”, concluíu.

Alvarellos Fondo lembrou que outro dos obxectivos que persegue o goberno de Lara Méndez con estas medidas é o de cear un portal web do Emprego, que permita ao funcionariado facer un seguimento individual sobre o cumprimento da súa xornada e horario de traballo, realizar a solicitude de vacacións, días de libre disposición e permisos e, así mesmo, configurarase unha comisión de seguimento paritaria para analizar melloras do sistema ou resolver cuestións ou dúbidas sobre a aplicación do devandito control.

Multimedia

  • Comeza a aplicarse o control horario dos traballadores do Concello sen incidencias

Noticias relacionadas