A Cohors III Lucensium abre o venres unha exposición de pezas romanas nos soportais do consistorio

Coa colaboración do Concello, colocará vitrinas nas que os milleiros de visitantes do Arde Lvcvs verán exposto desde material de gladiadores a elementos da vida cotiá dos romanos, e unha maqueta dunha panadería da época

Mércores, 17 de xuño de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Cohors III Lucensium abrirá este venres unha exposición de pezas romanas nos soportais da casa consistorial, un atractivo máis do que poderán gozar esta fin de semana os milleiros de visitantes do Arde Lvcvs. A asociación de recreación histórica, en colaboración co Concello de Lugo, colocará vitrinas con dez furnas que mostrarán dende material de gladiadores, cascos de tropa ou espadas, ata elementos da vida cotiá dos romanos, como ánforas ou outros relacionados coa medicina e a escritura. Todo material que foi reunindo a propia Cohors durante os anos nos que leva participando no Arde Lvcvs.

A agrupación tamén exporá no exterior da casa consistorial unha maqueta dunha penadería da época que, con dous por dous metros de dimensión, contén todas as estruturas necesarias para a elaboración do pan romano.

A exposición inaugurarase ás 12.00 horas do venres e permanecerá aberta durante toda a celebración do Arde Lvcvs.

Noticias relacionadas