As cinco actuacións urbanísticas autorizadas esta semana en Xunta de Goberno propiciarán un investimento na cidade de 1M de euros

As licenzas concedidas foron para a mellora do illamento térmico de varios edificios así como a construción de dúas naves industriais

O edil Miguel Couto destaca que as obras contribuirán, directa e indirectamente, á dinamización económica da cidade

Xoves, 21 de xaneiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As cinco actuacións urbanísticas autorizadas esta semana en Xunta de Goberno propiciarán un investimento na cidade de 1M de euros

1.024.355 euros. É o importe total do investimento que suporán as cinco actuacións urbanísticas que a Xunta de Goberno vén de autorizar na sesión desta semana.

Trátase da mellora da envolvente de dous edificios en Nicomedes Pastor Díaz (63.501 €) e na Avenida da Coruña (277.547 €) e da renovación da fachada doutro inmoble sito en Alcalde Ángel López Pérez (256.987 €) para acadar a súa mellora enerxética así como da creación de dúas naves industriais, unha para reciclaxe e almacenamento ao aire libre como centro de xestión de residuos nas Gándaras (236.365 €) e outra destinada a almacén loxístico de produtos ecolóxicos de lavandería e limpeza na rúa dos Carros (189.952 €).

O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, destacou que “as obras proxectadas contribuirán, de xeito directo e indirecto, á dinamización económica da cidade en tanto propiciarán o incremento da actividade no sector da construción e suporá a ampliación das instalacións de empresas xa asentadas no municipio”.

“Levamos, dende o inicio da crise sanitaria, en permanente contacto co total do tecido produtivo local co que nos comprometemos a axilizar a tramitación burocrática que debe emitir a administración local para procurar que se recupere toda actividade, especialmente naqueles eidos máis afectados pola pandemia”, subliñou o concelleiro.

Couto lembrou que, dende o pasado mes de maio se atopa en vigor a posibilidade de aprazar a liquidación da Taxa pola prestación de Servizos Urbanísticos e o ICIO ata a concesión da licenza ou á comunicación de conformidade.

“Dous impostos, que suman uns ingresos superiores aos 2 millóns de euros anuais para as arcas do Concello e que, se ben anteriormente debían abonarse por adiantado, no momento da presentación da solicitude, agora se adían ata a resolución administrativa para dotar de maior liquidez a promotores e particulares”, concluíu .

Audio

  • O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre as licenzas da Xunta de Goberno Local | Descargar mp3

Noticias relacionadas