A cidade contará cos primeiros colectores adaptados a persoas con mobilidade reducida a principios de abril

O Concello instalará cinco colectores en distintos puntos da cidade, atendendo ás necesidades existentes que lle trasladará ao Gabinete Municipal de Accesibilidade a asociación AUXILIA

Este Gabinete, que celebrou unha xuntanza este vernes, acordou que non se empreguen adoquíns nas obras que se realicen nas rúas da cidade

Venres, 11 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A cidade contará cos primeiros colectores adaptados a persoas con mobilidade reducida a principios de abril

O Gabinete Municipal de Accesibilidade mantivo este venres unha xuntanza na que adoptaron distintos acordos, coa finalidade de seguir avanzando nun Lugo máis accesible, tal e como deu a coñecer o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro.

Neste senso, Piñeiro deu conta que o Concello instalará en breve, posiblemente entre finais do mes de marzo e nos primeiros días de abril, os primeiros colectores adaptados a persoas con mobilidade reducida en diferentes puntos de Lugo. En total, colocaranse cinco colectores, con sistema de palanca, que serán distribuídos en función das necesidades existentes que lle trasladará á entidade local a asociación AUXILIA.

Outro dos acordos adoptados no Gabinete de Accesibilidade foi o de non empregar adoquines nas obras que se realicen nas rúas da cidade, de tal xeito que se utilicen outros materiais que favorezan a accesibilidade, co que se facilitará o tránsito dos peóns e daquelas persoas que teñen dificultades de mobilidade.

Esta iniciativa enmárcase dentro da aposta do Concello por continuar reducindo as barreiras arquitectónicas que existen na cidade e favorer a accesibiliade universal. Neste caso trátase de minimizar os problemas que as persoas con mobilidade reducida poidan ter á hora de depositar o lixo nos colectores. A entidade local xa instalou colectores que teñen identificación en linguaxe braille.

Outras actuacións realizadas

O Concello ten aprobada a Ordenanza Municipal de Supresión de Barreiras Arquitectónicas e coa que se puxo en marcha un Gabinete Municipal de Accesibilidade, que nos últimos anos permitiu actuar con eficacia para eliminar as barreiras arquitectónicas e adaptar a cidade a todos aquelas persoas que viven ou visitan o municipio, iniciativas que permitiron que Lugo acadara os premios Reina Sofía de Accesibilidade Universal ou ao mellor destino turístico accesible.

O Concello dispón dun servizo de intérprete de lingua de signos, un buzón de consultas para persoas xordas a través da páxina web municipal www.lugo.gal. Tamén se editan os programas das festas do San Froilán e do Arde Lucus en braille.

Recentemente tamén se levou a cabo a sinalización prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, así como obras de accesibilidade nas rúas da cidade.

Ademais o 30 de novembro de 2015, coincidindo co XV Aniversario da Muralla de Lugo como Ben Mundial, púxose en marcha o ascensor da Muralla, que facilita a accesibilidade a este monumento bimilenario.

Audio

  • Daniel Piñeiro, sobre os colectores adaptados a persoas con mobilidade reducida| Descargar mp3 

Noticias relacionadas