A cidade acollerá a XXIV Feira do Mel de Lugo, que achegará este produto a través de 21 expositores

Rosana Rielo e Pablo Piñeiro presentaron esta feira, que se celebrará o domingo 2 de outubro nunha carpa instalada na Praza da Soidade das 10:00 ás 18:00 horas

Venres, 30 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A cidade acollerá a XXIV Feira do Mel de Lugo, que achegará este produto a través de 21 expositores

A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, e o presidente da Asociación Provincial de Apicultores de Lugo, Pablo Piñeiro, presentaron este venres no Salón de Plenos a XXIV Feira do Mel de Lugo, que terá lugar o domingo 2 de outubro nunha carpa instalada na Praza da Soidade das 10:00 ás 18:00 horas.

“Este evento estase a converter nun clásico dentro das actividades programadas polo Concello”, segundo explicou Rosana Rielo, quen ademais felicitou á Asociación Provincial de Apicultores de Lugo polo labor que está a facer na divulgación e promoción do sector apícola na provincia.

Pola súa banda, Pablo Piñeiro informou que “os prezos mantéñense dende fai moitos anos, poñendo a disposición dos asistentes en torno a 3.000 quilos de mel, con un mínimo de 100 quilogramos por expositor”.

A Asociación Provincial de Apicultores de Lugo conta cada vez con máis asociados, chegando a día de hoxe a preto de 400 produtores. Cada vez son máis os mozos e mozas que optan por este tipo de actividade, tal é así que a nova directiva da Asociación, renovada recentemente, está composta, na súa maioría por menores de 40 anos.

Nesta edición da Feira o público terá a oportunidade de adquirir mel de 21 expositores, todos eles socios da Asociación. A xente que acuda á cita atoparase con mel de distintos tipos, escuras ou claras dependendo do clima no que se dean. A Feira estará amenizada polo grupo Cántigas e Flores durante toda a xornada.

Multimedia

  • A cidade acollerá a XXIV Feira do Mel de Lugo, que achegará este produto a través de 21 expositores

Noticias relacionadas