A cidadanía poderá consultar o planeamento do Concello de Lugo no portal web municipal

Martes, 04 de maio de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

*A cidadanía poderá coñecer as características urbanísticas que teñen cada unha das parcelas da cidade

A Delegada de Urbanismo do Concello de Lugo, María Novo, avanzou hoxe que o Executivo Local está xa a traballar no volcado do planeamento de Lugo na web municipal.

A Delegada explicou que despois de recibir unha subvención do 80% da entidade pública empresarial red.es adscrita ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio estase a dixitalizar o planeamento municipal para que o urbanismo sexa completamente accesible para os veciños e veciñas. O Concello de Lugo aportou, segundo indicou Novo, un total de 60.000 euros.

O proxecto que se está a levar a cabo permitirá volcar todo o planeamento en soporte informático para penduralo da web do Concello e que a cidadanía poida coñecer as características urbanísticas que teñen cada unha das parcelas da cidade. Ademais, Novo explicou que esta ferramenta servirá para axilizar o traballo dos técnicos municipais que poderán realizar máis facilmente os seus informes.

A Delegada explicou que a achega do Ministerio permite ademais formar aos técnicos municipais para que actualicen a información de xeito continuo sen necesidade de investir máis cartos en contratacións externas.

O volcado rematará posiblemente a finais deste ano e permitirá que os cidadáns poidan acceder á información a través da web do Concello. Entre os Concellos que recibiron a subvención atópase Lugo, Vigo, Ferrol e a Deputación de Ourense

Ata o de agora a información referente ao planeamento atopábase en soporte dixital pero non existía a posibilidade de traballar sobre ela. A dixitalización no departamento que dirixe María Novo queda completada con este proxecto.

PXOM
A Delegada de Urbanismo lembrou, fronte as críticas verquidas polo Grupo Municipal do BNG, que “os veciños coñecen perfectamente o documento, foron contestadas as alegacións unha a unha e por escrito”. “Desde a súa aprobación provisional expúxose ao público e se habilitou unha oficina específica para facer preguntas aos técnicos municipais sen intervención política”, polo que concluíu “non se pode dicir que non se coñece suficiente”

Multimedia

Noticias relacionadas