Chega ao Vello Cárcere a exposición Ánxel Casal 125 anos con nós

A mostra está organizada pola asociación Ánxel Casal e a Federación Galiza Cultura

A mostra poderá visitarse no Vello Cárcere entre o 12 de febreiro e o 15 de marzo

Sábado, 12 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Chega ao Vello Cárcere a exposición Ánxel Casal 125 anos con nós

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a nova exposición que se achega á oferta expositiva do Vello Cárcere. A mostra Ánxel Casal, 125 anos con nós, chega a Lugo para mostrar a vida e o traballo do editor.

A mostra forma parte da campaña que a Asociación Cultural Ánxel Casal está a levar a cabo para que Casal sexa homenaxeado no día das Letras Galegas e darlle o recoñecemento que se merece como a persoa impulsora do libro galego de seu. Como editor, impresor, administrador e distribuidor do libro galego moderno. 

Casal, traballador incansábel da cultura galega, creou a editorial onde a creación literaria e gráfica galega puido expresarse moderna e mostrar orgullosa ao mundo o seu potencial. Sen o traballo de Casal dificilmente coñeceriamos moitas das obras de Wenceslao Fernández Flórez, Otero Pedrayo, Blanco Amor, Ramón Cabanillas, Castelao, Carvalho Calero, Ramón e Antón Vilar Ponte, Vicente Risco, Maside ou Seoane entre outros moitos.

Esta nova mostra poderá ser visitada no Vello Cárcere entre o 12 de febreiro e o 15 de marzo.

Noticias relacionadas