A Cheda e o Carme foron o centro da xuntanza para analizar o PXOM

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Concelleiro de Urbanismo, Francisco Fernández Liñares, mantiveron unha nova xuntanza cos representantes dos grupos da oposición para analizar o Plan Xeran de Ordenación Municipal.

O Concelleiro de Urbanismo indicou que nesta xuntanza estudáronse principalmente os aspectos relacionados coa ordenación dos barrios da Cheda e do Carme. Fernández Liñares explicou que “non queremos edificios demasiado altos, a idea é que as alturas dos edificios do Carmen se constrúan cunha altura de baixo máis catro plantas ou seis, mentres que na Cheda sexan de baixo máis dúas ou tres plantas”.

O Concelleiro indicou que os representantes políticos acordaron co equipo de redacción do Plan deixar unha zona verde de entre 75 e 80 metros de ancho que comunique a Ronda da Muralla coa Ronda do Carme.

Ademais nesta xuntanza os representantes dos tres grupos municipais estudaron o trazado do vial da zona norte da cidade que une o centro co novo hospital.

Cumpriranse os prazos

O edil de Urbanismo explicou ademais que o feito de non aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal no Pleno do vindeiro día 5 de novembro non afectará ós prazos marcados pola Xunta de Galicia, “a importancia deste plan para a cidade e os lucenses xustifica a convocatoria dun Pleno extraordinario”, e en febreiro poderá ser aprobado pola Xunta de Galicia.

Co organismo autonómico os responsables municipais mantiveron xa diversas xuntanzas para ir adiantando aspectos do documento e axilizar deste xeito os trámites.

Noticias relacionadas