Certames de epitafios e fotografía, unha visita polo cemiterio e un concerto conmemoran o Día de Defuntos

A Concellería de Concello e Cidadanía organizou o programa de actividades en torno ao camposanto, que acolle o recentemente declarado mellor monumento funerario de España

Xoves, 15 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Actividades para o Día de Defuntos

A área municipal de Concello e Cidadanía organizou un programa de actividades para conmemorar o Día de Defuntos que inclúe un certame de epitafios e outro de fotografía, unha visita e un concerto no cemiterio municipal de San Froilán, que acolle o recentemente declarado mellor monumento funerario de España.

Baixo o lema: Unha palabra, unha emoción, a segunda edición do concurso de epitafios busca destacar un dos elementos que máis contribúe a humanizar e potenciar o valor emocional dos cemiterios, lembrando aos defuntos e honrando a súa memoria. Establécense 2 premios, o primeiro dotado de 150 euros e o segundo de 75.

O prazo de inscrición, xa aberto, rematará o 28 de outubro e as propostas a concurso poderán presentarse en persoa ou por correo electrónico. Cada participante poderá presentar un máximo de 3 epitafios inéditos e orixinais, non podendo estar publicados en calquera medio con anterioridade á data de convocatoria.

O vindeiro 6 de novembro realizarase unha visita nocturna ao Cemiterio de San Froilán e o día 12 celebrarase a cuarta edición do Concerto da Lembranza, un clásico nas celebracións de defuntos.

III Concurso de Fotografía

Por outra banda, tamén está aberto o prazo para participar no III Concurso de Fotografía Estampas de paz e acougo, co que se pretende dar prestixio á imaxe do recinto do cemiterio de San Froilán. Do mesmo xeito que ocorreu na pasada edición, establécense 3 premios dotados de 250 euros, 150 e 75 euros, que serán entregados na Capela do Cemiterio durante o Concerto da Lembranza.

Cada participante poderá presentar un máximo de 3 fotografías inéditas e orixinais para este evento e estas non poderán estar publicadas en calquera medio con anterioridade á data de convocatoria. As fotografías poderán realizarse no horario de apertura ao público do recinto. O prazo de inscrición remata o vindeiro 28 de outubro, ás 14:00 horas.

As persoas interesadas en obter máis información, poden consultar as bases dos concursos na páxina web do Concello www.lugo.gal.

Máis info

 

Noticias relacionadas