Catro mulleres e un clube deportivo recollen os premios "Entre mulleres"

Xoves, 10 de marzo de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Luisa Barreiro Villar, Araceli Fernández Sanjurjo, Otilia Vázquez Mouriz, Ana Castelao Gegunde e o Clube Baloncesto Durán Maquinaria recibiron os premios nun acto celebrado no Centro de Convivencia Maruja Mallo

O Alcalde, José López Orozco, acompañado pola Deputada provincial Regina Polín e a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, presidiu hoxe a entrega dos premios Entre Mulleres.

Na súa intervención o Alcalde felicitou as mulleres galardoadas das que dixo “sodes un exemplo do avance social e de que é posible facer un mundo mellor”. López Orozco tamén considerou que “non podemos baixar a garda, a crise ou calquera outro motivo poden servir de escusa e convén ter os ollos abertos para non retroceder na conquista dos dereitos pola igualdade das mulleres”.

Regina Polín, que interveu en nome da Deputación provincial, tamén felicitou as mulleres premiadas e dixo que “aínda que se avanzou moito temos que seguir loitando para acadar o recoñecemento definitivo das mulleres”. Sinalou tamén que “en celebracións coma esta saen do anonimato moitas mulleres con historias entrañables e marabillosas”.

Os premios Entre Mulleres, convocados polo Concello con motivo do Día internacional da Muller, foron entregados a catro mulleres e un clube deportivo lucense nun acto que tivo lugar esta mañá no Centro de Convivencia Maruja Mallo. Trala entrega dos premios, o Alcalde inaugurou a exposición “Legados. Xeracións en Tránsito” da fotógrafa Susana Girón.

Nesta edición os galardóns foron para:

-Luisa Barreiro Villar: Ten 73 anos e adicou toda a súa vida a traballar. Ama de casa e labrega. Traballa desde os 8 anos. Veciña de San Xoán do Campo.

-Araceli Fernández Sanjurjo: “Maruxa”. Ten 82 anos. Unha muller loitadora que sacou adiante seis fillos. Empezou traballar nun taller de costura ós 12 anos. Hai traxes de galego/a feitos por ela espallados por todo o mundo e tamén fillo traxes para o Ballet Rey de Viana.

-Otilia Vázquez Mouriz: mestra de Pedagoxía terapéutica e Audición e Linguaxe. En 1968 comezou traballar nun proxecto para que nenas xordas estudaran o bacharelato. Os dez últimos anos adicounos en especial a traballar con nenos con trastorno do espectro autista.

-Ana Castelao Gegunde: profesora universitaria, nai dunha parella de fillos autistas, cofundadora no ano 2000 da asociación Raiolas que presidiu entre 2004 e 2008 e da que é secretaria na actualidade.

-O equipo Clube Baloncesto Durán Maquinaria Ensino recibiu un premio especial por ser o club feminino de baloncesto máis antigo da cidade. Naceu no seo da Asociación de Pais do Colexio da Compañía de María de Lugo en 1980.

Multimedia

Noticias relacionadas