Catro conferencias sobre a cultura romana e castrexa preparan a Lugo nos últimos días para o Arde Lvcvs MMXVIII

O Concello, coa colaboración da Cohors III Lucensium, preparou este ciclo de charlas que arrincará este venres, e que continuará o vindeiro luns, martes e mércores. Todas elas terán lugar ás 20:00 horas no Vello Cárcere

Martes, 05 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Catro conferencias sobre a cultura romana e castrexa preparan a Lugo nos últimos días para o Arde Lvcvs MMXVIII

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este luns, no patio do Vello Cárcere, a programación de conferencias que ten preparadas o Concello para os vindeiros días, "como colofón ao Arde Lvcvs Cvltvral, que nos últimos tres meses ofreceu medio cento de actividades de inspiración romana e castrexa, previas ao Arde Lvcvs", segundo explicou a propia edil. No acto tamén estivo presente o arqueólogo municipal, Enrique González, así como o presidente da asociación de recreación histórica Cohors III Lucensium -que colabora na programación de charlas,-Miguel Alvelo, e outros membros da directiva deste colectivo.

No acto de presentación, Alvelo agradeceu ao Concello, personificado en Carmen Basadre, a colaboración que presta a entidade local, cedendo para este ciclo o espazo do Vello Cárcere; ao tempo que felicitou ao Concello polo traballo que levan facendo estes anos tanto no Arde Lvcvs como en enxalzar a cultura romana e castrexa.  

O ciclo de conferencias engloba 4 charlas. Arrincará este venres, 8 de xuño, cunha charla sobre gandería, caza e animais de compañía na Galicia Romana. O Licenciado e Doutor en Xeografía e Historia na Universidade de León, Carlos Fernández Rodríguez, será o encargado de inaugurar este programación

A seguinte terá lugar o luns, 11 de xuño, a cargo do arqueólgo Xurxo Ayán, que contará as memorias dun esquelete: etnoarqueoloxía no campo santo medieval do Castro de San Lourenzao en Cereixa, siutado na Pobra do Brollón. Ao día seguinte, o martes 12, será a quenda de Rafael María Rodríguez Martínez, quen falará sobre o xacemento da Lanzada, en Sanxenxo. O ciclo pecharase o mércores, 13 de xuño, da man da ex arqueóloga municipal, Covadonga Carreño, cunha poñencia sobre a primeira praza pública de Lugo: O Foro Romano.

Todas as conferencias terán lugar ás 20:00 horas no Vello Cárcere. A entrada é libre ata completar cabida.

Noticias relacionadas