A Casa da Xuventude acolle ata xuño novos obradoiros xuvenís e actividades para a mocidade

Carmen Basadre presentou a nova programación, dirixida os mozos e mozas de 14 a 35 anos, que se desenvolverá dende o 13 de febreiro ao 31 de maio

Breakdance, hip-hop ou torneos son algunhas das actividades que organiza a entidade local todos os sábados ata xuño dentro do programa +Xtí

Os interesados poden inscribirse dende hoxe na Casa da Xuventude. O prazo de inscrición, que é diferente para cada actividade, pode consultarse en www.lugo.gal

Martes, 24 de xaneiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Casa da Xuventude acolle ata xuño novos obradoiros xuvenís e actividades para a mocidade

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este martes na Casa da Xuventude a nova programación de actividades para a mocidade. Os talleres están dirixidos a mozos e mozas de 14 a 35 anos, que o Concello organiza a partir de febreiro. O Concello oferta unhas 200 prazas para participar en 13 obradoiros, que se desenvolverán dende o vindeiro día 13 e ata o 31 de maio na Casa da Xuventude.

“Grazas a estes talles, os mozos e mozas terán a oportunidade de preparar os exames de inglés Pet e First, segundo explicou a edil, quen sinalou que “tamén poderán practicar pilates, zumba, ioga ou baile latino, así como familiarizarse coas técnicas da cociña ou da repostería”. Iniciarse na creación dunha tenda online é outra temática destes talleres.

A Casa da Xuventude, ademais de actividades de lecer, tamén acollerá obradoiros formativos de monitor de tempo libre ou habilidades sociais e de comunicación.

Esta nova programación inclúe tamén rutas todos os últimos sábados de mes a diferentes lugares, como sendeirismo polo rural lucense ou polo Camiño Primitivo, ademais dunha ruta polos Tres Bispos e outra en bicicleta de Lugo á Fervenza.

Programa +Xtí
Carmen Basadre tamén presentou as novas actividades xuvenís gratuítas para mozos e mozas, que o Concello organiza todos os sábados na Casa da Xuventude ata xuño, enmarcados dentro do programa +Xtí de prevención no consumo de drogas.

Con estes obradoiros, os rapaces e as rapazas terán a oportunidade de practicar breakdance, hip-hop, entre outros. Os participantes tamén poderán participar en diferentes torneos.

Enmarcado tamén dentro do programa +Xtí, a entidade local ofrece tenis de mesa, os venres das 19:30 ás 21:30 horas na Casa da Xuventude e os sábados a partir das 20:30 horas no Pavillón de Frigsa, e patinaxe en liña no Polideportivo da Piringalla, os venres de 23:00 a 00:30 horas. As inscricións realizaranse na Casa da Xuventude.

Casa da Música
Ademais, este venres, 27 de xaneiro, celebrarase na Casa da Música a partir das 19:00 horas un concerto dos grupos lucenses Folquiada, Nubeiro, Sing Mils Stone e Brothers of Confusión.

Estas instalacións tamén acollerán dous cursos básicos para coñecer os aspectos máis importantes nos eidos da iluminación e do son.

Inscricións
Todos os interesados en participar nalgún destes talleres poden inscribirse dende hoxe na Casa da Xuventude, de luns a sábados, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:30 horas. O prazo de inscrición, que é diferente para cada actividade, pode consultarse na web www.lugo.gal. As prazas, de ser máis anotados que prazas ofertadas, cubriranse por sorteo.

Máis de 16.000 usuarios
Durante a presentación, a edil amosou a súa satisfacción polo éxito que ano tras ano acadan estes talleres xuvenís. De feito, no 2016, tomaron parte nos obradoiros programados na Casa da Xuventude máis de 14.000 mozos e mozas. Ademais, preto de 2.500 persoas empregaron estas instalacións para participar en actividades organizadas por outras asociacións ou clubs da cidade que así o solicitaron.

Máis info

Noticias relacionadas