A Casa da Música reabre hoxe tralo parón da pandemia

A área de Xuventude pon, de novo, a disposición das agrupacións lucenses estas instalacións con importantes medidas de seguridade para evitar a propagación do Covid

Xoves, 10 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Casa da Música reabre hoxe tralo parón da pandemia

A Casa da Música reabre hoxe as súas portas, logo do parón propiciado pola pandemia.

A área de Xuventude pon, de novo, a disposición das e dos lucenses, estas instalacións municipais nas que levan a cabo os seus ensaios ao redor de medio cento agrupacións locais.

A edil Ana González Abelleira convidou ás formacións da cidade a solicitar de novo a súa utilización e a “aproveitar un espazo público que para as e os músicos locais resulta idóneo polo equipamento técnico co que conta o que, a súa vez, o converte nunha importante ferramenta e nunha gran oportunidade para desenvolver o seu talento” ao tempo que indicou que “para proceder ao seu uso será necesario extremar as medidas de protección contra o Covid co fin de garantir a seguridade das e dos usuarios do centro”.

Así, o Concello elaborou un decálogo coas normas de utilización que permanecerán vixentes e que se basean, fundamentalmente, na aplicación de pautas de profilaxe xa coñecidas.

  1. Mantemento da distancia de seguridade de polo menos 1,5 m., establecida polo RD Lei 21/2020 do 9 de xuño e uso obrigatorio da máscara, así como hixiene adecuada en espazos cerrados aínda que se manteña e se garanta esta separación interpersoal.
  2. Uso obrigatorio do xel hidroalcohólico á entrada e saída da Casa da Música; así como recomendación de lavar as mans con auga e xabón.
  3. Ventilación do espazo: a porta de entrada debe estar aberta.
  4. Realización só dos desprazamentos estritamente necesarios polo centro. Utilización do espazo asinado para ensaiar. En cada espazo non pode haber máis de 4 persoas (aínda que, tal e como establece para Lugo o DOG do 3 de decembro de 2020, o número das persoas por grupo poderase modificar en función das circunstancias sanitarias). Se o grupo supera este número terán que facer grupos burbulla de 4 persoas, ata un máximo de 16 persoas na instalación. Evitaranse xestos que supoñan contacto físico.
  5. A duración dos ensaios será de dúas horas un día a semana, podendo ampliar os días en caso de que haxa dispoñibilidade.
  6. Entre ensaio e ensaio deberá pasar polo menos un tempo prudencial de media hora sen actividade e ventilar adecuadamente o espazo.
  7. Non se poderá ensaiar, de momento, con instrumentos de vento.
  8. Non se poderán utilizar as salas de ensaio, nin sacar materiais das mesmas. Cada grupo debe levar os instrumentos que necesite.
  9. O horario da Casa da Música será de martes as venres de 17:00 a 22:00 horas.
  10. Asignaranse espazos aos grupos que están inscritos na Casa da Música, e se houbera espazos libres, pódense solicitar no teléfono 982.29.72.69 ou 982.29.74.96 ou a través do correo electrónico xuventude@lugo.gal.
  11. Non poderán acudir á Casa da Música persoas que presenten síntomas compatibles con COVID-19, estean en illamento domiciliario debido a un diagnóstico por COVID-19 ou se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa con síntomas ou diagnosticada de COVID-19.

Dende a área de Xuventude sinalan que todas estas medidas son susceptibles de cambio segundo as normas sanitarias que se atopen vixentes en cada momento.

Audio

Noticias relacionadas