A Casa da Música acolle esta fin de semana un dobre concerto: Penas de Rodas e Batital

Venres, 30 de maio de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Casa da Música que depende da Concellería de Xuventude que dirixe Carmen Basadre, continúa coa súa programación de concertos para as fines de semana. Mañá, sábado 31 de maio, actuarán neste local os grupos Penas de Rodas e Batital a partir das 22:00 horas.

PENAS DE RODAS /Música tradicional galega
O grupo naceu no ano 2006 como froito dos obradoiros de música desenvolvidos pola Asociación Cultural Penas de Rodas, de Gaioso (Outeiro de Rei, Lugo).

Os principais obxectivos do grupo son intentar manter vivos o patrimonio e a tradición musical herdadas dos vellos gaiteiros e fomentar o interese pola música tradicional galega na súa zona de influencia.

O grupo, que conta con seccións de gaita e percusión, fixo a súa presentación en público en agosto de 2006, coincidindo co XXV aniversario de celebración da popular Romaría de Penas de Rodas.

O seu estilo é fiel ao Folk Tradicional Galego. Nesta ocasión, interpretarán diferentes pezas musicais:

- Pasodoble da Pastoriza
- Muiñeira do Chao
- Muiñeira de Lugo
- Xota Roubada
- Pasodoble de San Roque
- Valse de Taramundi
- Ventosiño
- Muiñeira de Trasmonte - Muiñeira de Piornedo
- Xota de Lugo
- Pasodoble do Berbés

BATITAL
Baixo a máxima de Miguel de Cervantes:“Donde hay música no puede haber cosa mala”, naceu Batital en novembro de 2007. Xurdiu da inquietude dun grupo de lucenses, coma unha homenaxe aos ritmos e aos sons , un constante experimento para o oído, unha loita sen cuartel coa rutina diaria e unha forma de ilusionarse pola vida a través da música.

Dende a bossa-nova e a música clásica ata ó tango, pasando polo bolero, o folclore galego, o blues, o charlestón, o swing ou o fado. Versións orixinais e composicións propias con letras en galego mestúranse nun apaixoado percorrido polos distintos estilos musicais, empregando , xunto á batería, a frauta, a guitarra eléctrica o acordeón ou o timple , instrumentos de pulso e púa noutros tempos de gran arraigo en Galicia, pero que parecen hoxe esquecidos na nosa terra, como a mandolina, o laúde e a bandurria .

Os lucenses interpretarán os seguintes temas:

-Lela
-María Lisboa
-O tango de Manuel
-Se sorris
-Carlitros

Noticias relacionadas