A Casa da Muller atendeu unhas 10.000 consultas nos últimos dous anos

Lara Méndez, acompañada de Ana Abelleira, Susana López e José Manuel Balseiro, visitaron estas instalacións ás que o pasado ano se achegaron por primeira vez 279 mulleres para recibir información ou asesoramento

Un 38% das consultas realizadas no 2016 estaban relacionadas con mulleres vítimas violencia de xénero, un 3% máis que o 2015. "É fundamental non plantexar recortes neste eido, porque estaremos fallando como sociedade se non somos capaces de combatir a desigualdade", asegurou a Alcaldesa

O Concello destina unha media anual de 632.000 euros á Casa da Muller e a materia de igualdade, investindo dende o 2009 máis de 4,4 millóns

Mércores, 25 de xaneiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Casa da Muller atendeu unhas 10.000 consultas nos últimos dous anos

A Casa da Muller atendeu unhas 10.000 consultas nos últimos dous anos, unha media anual de 5.000. Ao redor dun 38% das consultas realizadas o pasado 2016 estaban relacionadas con mulleres vítimas violencia de xénero, un 3% máis que o 2015. Ademais, no exercicio anterior, máis de 1.300 consultas estaban vinculadas á atención psicolóxica (problemas familiares e de parella, entre outros) e 1.170 ao asesoramento xurídico (sobre dereito de familia, civil ou penal). Tamén se rexistraron consultas de temática social (477) e doutro tipo de información (370). A estas instalacións de atención personalizada e confidencial, achegáronse o pasado ano por primeira vez 279 mulleres para recibir, de xeito gratuíto, información ou asesoramento.

Así o deu a coñecer este mércores a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, nas propias instalacións deste centro municipal, que visitou acompañada da Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López, e o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

Durante a visita, a rexedora puxo en valor e agradeceu "o gran traballo" que se realiza na Casa da Muller, que desempeñan 9 profesionais do centro, que ofrecen unha atención integral á muller coa coa finaldiade de promover a igualdade de dereitos e a non discriminación entre mulleres e homes, así como a participación da muller en todos os ámbitos da sociedade. Ao mesmo tempo, subliñou o número de mulleres que son atendidas neste servizo, "o que evidencia a necesidade de seguir apostando por este tipo de centros e pola igualdade no amplo nivel da palabra, e evidentemente de seguir loitando coa lacra social da violencia de xénero, que o ano pasado asasinou a 44 mulleres e no que vai de ano a 4", tal e como asegurou Méndez.

"É fundamental apostar pola igualdade e non plantexar recortes neste eido, porque estaremos fallando como sociedade se non somos capaces de combatir a desigualdade", asegurou a Alcaldesa, quen agradeceu o interese da Xunta en visitar estas instalacións, "implicación que queremos que vaia a máis e que queremos que sexa unha colaboración entre administracións e que se manifeste para que redunde beneficiosamente no conxunto da cidadanía". Dentro da aposta por estas instalacións e por materia de igualdade, o Concello destina unha media anual de 632.000 euros, investindo dende o 2009 máis de 4,4 millóns, non rebaixando a entidade local o orzamento dedicado a este eido nos últimos anos.

Dende a Casa da Muller, ademais de asesoramento e información, organízase o programa Aprende Xogando, co obxectivo de procurar o desenvolvemento da personalidade das nenas e nenos a través do xogo e os xoguetes ao tempo que se concilia a vida familiar e laboral. Ademais, encárgase da organización de actividades cono as conmemorativas do 8M ou o 25N.

A Casa da Muller atende a mulleres de fóra do municipio, xa que os centros de información á muller son escasos na provincia luguesa, tan dispersa tanto xeograficamente como en termos de poboación.

Pisos de acollida
O Concello de Lugo, a través de 3 pisos de acollida, atendeu a día de hoxe a 3 mulleres e 6 menores. Catro profesionais encárganse 24 horas destes pisos, cos que a entidade local lles proporciona un entorno de seguridade e atención integral. Ademais, un piso de emerxencia social empregáse a día de hoxe para dar cobixo a unha muller con problemáticas relacionado co xénero.

Audio

  • Lara Méndez, sobre o balance de atención da Casa da Muller | Descargar mp3

Noticias relacionadas