A Casa da Muller atendeu a 213 mulleres e máis de 2.700 consultas no que vai de ano

Un 45% das mulleres atendidas achegáronse por primeira vez a este centro municipal de atención personalizada que ofrece un servizo gratuíto de información e asesoramento ás mulleres Das consultas realizadas, o 32% estaban relacionadas con mulleres vítimas violencia de xénero. O resto responden a consultas relacionadas coa área xurídica e psicolóxica, principalmente

Luns, 31 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Casa da Muller

No que vai de ano a Casa da Muller atendeu a un total de 213 mulleres, das cales 95, un 45%, achegáronse por primeira vez a este centro municipal de atención personalizada e confidencial que ofrece un servizo gratuíto de información e asesoramento ás mulleres. Así o avanzou este luns a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión Social, Ana María González Abelleira, quen se mostrou preocupada polas mozas que demandan axuda no servizo, un total de 8 menores de 20 anos. “É necesario continúar coa sensibilización e fomentar a igualdade entre a mocidade”, sinalou González Abelleira.

A edil tamén deu conta das consultas atendidas por este centro, máis de 2.700. O 32%, unhas 878 estaban relacionadas con mulleres vítimas de violencia de xénero, 807 responden á area xurídica (sobre dereito de familia, civil, penal, etc.) e 583 á area psicolóxica (problemas familiares e de parella, entre outros). Este centro tamén ofreceu información de recursos e atendeu consultas relacionadas con cursos, xornadas e actividades.

A Concelleira destacou o “imprescindible” labor que desempeñan as profesionais deste centro, que ofrecen unha “atención integral ás mulleres coa finalidade de promover a igualdade de dereitos e a non discriminación entre mulleres e homes, así como a participación da muller en todos os ámbitos da sociedade”, ao tempo que reivindicou a actividade da Casa da Muller, “que co paso do tempo se converteu nun centro referente na defensa dos dereitos da muller”.

“Temos que seguir traballando no labor da igualdade para que a lacra da violencia de xénero diminúa ata desaparecer, e para que a sociedade se sensibilice para conseguir unha igualdade efectiva entre homes e mulleres”, sentenciou a edil.

Audio

  • Declaracións da concelleira de Benestar Socia sobre a labor da Casa da Muller|Descargar mp3

Noticias relacionadas