Carmen Basadre destaca a importancia das políticas transversais de fomento do galego nos concellos nun encontro de política lingüística

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua participou este luns no Auditorio de Galicia nun foro que busca activar a implicación das administracións locais no proceso de normalización lingüística

Basadre explicou diversas actuacións levadas a cabo polo Concello de Lugo en materia de promoción da lingua, como certames literarios, actividades nos centros educativos ou animación á lectura e contacontos

Luns, 16 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Encontro de política lingüística municipal

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, participou estes luns no Auditorio de Galicia no Encontro de Política Lingüística Municipal. Trátase dun foro organizado pola Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua (CTNL) e o Concello de Santiago de Compostela, co obxectivo de actualizar o entusiasmo e o discurso a prol da lingua galega emitido e difundido dende os concellos, activar a implicación das administracións locais no proceso de normalización lingüística e establecer pautas comúns nesta materia.

No foro, Carmen Basadre destacou “a importancia de levar a cabo políticas transversais de fomento da lingua galega nos concellos” e avogou por un traballo en rede para potenciar o uso do galego. Neste senso, a edil explicou diversas actuacións levadas a cabo polo Concello de Lugo en materia de promoción da lingua, como certames literarios, actividades nos centros educativos, animación á lectura e contacontos, entre moitas outras accións.

A primeira mesa de debate deste encontro, na que interviu Basadre, tratou sobre o papel dos concellos para o presente e futuro da lingua galega. Conducida pola xornalista Fernanda Tabarés, nela participaron o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero; o alcalde da Estrada, José López Campos, e o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña. A programación deste encontro incluía ademais dúas conferencias sobre as ferramentas como estruturas necesarias para a política lingüística municipal e sobre proxectos colaborativos para o fomento do galego.

Noticias relacionadas