Carmen Basadre anuncia a celebración do I Mercado de Produtos do Entroido

A edil presentou as bases deste mercado, que se celebrará do 23 de febreiro ao 1 de marzo na praza Horta do Seminario e contará con 15 postos de venda

Martes, 17 de xaneiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, anunciou este martes no Salón de Plenos as bases polas que se convoca o I Mercado de Produtos do Entroido, que se celebrará do 23 de febreiro ao 1 de marzo na praza Horta do Seminario.

A edil explicou que “este mercado contará con 15 postos de venda, nos que se venderán produtos típicos do Entroido, como filloas, freixos, ou orellas, produtos gastronómicos que gocen de selos de calidades, como agricultura ou produción ecolóxica, denominación de orixe, ou Indicación Xeográfica Protexida e que sexan propios desta festividade”.

Os postos disporán de casetas montadas especificamente para este mercado cunhas dimensións de 3x2x2,90 metros e con persiana de seguridade. Cada stand contará con subministración eléctrica e consumo máximo de 1.100 vatios.

O prazo de presentación da documentación para optar a un destes postos está aberto ata o 15 de febreiro e as bases están dispoñibles para todos os interesados na web municipal www.lugo.gal, ou no teléfono de atención cidadá 010.

Máis info

Noticias relacionadas