Campións de España e Portugal participarán na V Travesía a nado Minius 2017, organizada polo Concello e o club PortaMiñá

Daniel Piñeiro, Pablo Rivera e Fernando Timiraos presentaron a quinta edición desta competición, que supera a todas as anteriores, chegando a máis de 200 nadadores

Xoves, 20 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Campións de España e Portugal participarán na V Travesía a nado Minius 2017, organizada polo Concello e o club PortaMiñá

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera, e o Presidente do Club Natación PortaMiñá Lugo, Fernando Timiraos, presentaron a V Travesía a Nado do Miño Cidade de Lugo que se celebrará o próximo sábado, 22 de xullo, nas instalación dos Robles. Esta proba, organizada polo Concello e o club PortaMiñá, conta ademais coa colaboración da Deputación de Lugo e outras entidades privadas.

No acto, o edil puxo de manifesto a aposta decidida por parte do Concello para potenciar este tipo de actividades deportivas, "que contribúen a dar a coñecer a nosa cidade e poñela no calendario depotivo a nivel nacional". Piñeiro quixo enxalzar "o marco incomparable" polo que discorre este proba, as augas do Río Miño ao seu paso por Lugo, "1500 metros de piscina natural".

Pola súa banda, Pablo Rivera destacou a contribución que está a facer a Deputación na promoción do deporte da provincia luguesa, colaborando nesta edición da travesía a nado 2017.

Timiraos deu a coñecer os pormenores da proba, que arrincará ás 11:00 horas coa saída da travesía popular, sen carácter competitivo, baixo unha distancia de 400 metros. Ás 11:30 horas sairán as persoas participantes da distancia de 1.500 metros, deixando para as 12:30 horas a proba raíña, a denominada, pola organización, Minius, cunha distancia de 4000 metros.Ademais, o presidente do PortaMiñá avanzou a presenza de campións de España e Portugal en categorías Junior e Absoluta, o que lle confire á proba un prestixio a nivel nacional.

O número total de inscritos supera xa os 200, sendo esta unha cifra récord na historia desta travesía enmarcada dentro do circuíto galego de augas abertas.

Piñeiro, Rivera e Timiraos coincidiron en animar a todos aqueles que lles guste o deporte en xeral e a natación en particular a acudir a gozar con esta proba e, do mesmo xeito, disfrutar do entorno da mesma.

Noticias relacionadas