A Cabalgata de Reis do Concello de Lugo contará con numerosas sorpresas

Venres, 03 de xaneiro de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo organiza un ano máis a Cabalgata de Reis que permitirá a nenos e maiores disfrutar da maxia e da ilusión chegadas desde Oriente na tarde do 5 de xaneiro.

A comitiva real sairá ás 18.00 horas do Parque da Milagrosa, subirá pola rúa Monte Faro, Avenida da Coruña, Praza do Ferrol, Rúa Bolaño Rivadeneira, Rúa Quiroga Ballesteros, Praza de Santo Domingo, Rúa da Raíña e chegada á Praza Maior aproximadamente ás 19.00 horas. Na Casa do Concello, Melchor, Gaspar e Baltasar serán recibidos pola Coorporación Municipal co Alcalde, José López Orozco á cabeza. Os Magos realizarán o seu tradicional pregón desde a balconada da Casa do Concello e posteriormente recibirán aos nenos e nenas.

Durante o percorrido ata a Casa do Concello desde as carrozas participantes repartiranse máis de 1.600 quilos de caramelos. No seu trono real situado no primeiro andar da Casa Consistorial as Maxestades de Oriente repartirán 2.500 bolsas de lambetadas para todos os nenos e nenas que se acheguen. Ademais haberá numerosas sorpresas ao longo do percorrido.

Dende a Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, pídese aos pais o maior coidado cos seus fillos para evitar posibles problemas, aínda que participarán efectivos da Policía Local e Protección Civil.

Noticias relacionadas