A brigada municipal xa acometeu o desbroce duns 100 quilómetros de estradas da zona rural

Con estas actuacións, que chegarán á totalidade das parroquias, o Concello mellora as comunicacións no rural e a seguridade vial, contribuíndo ademais a previr incendios A brigada xa realizou a limpeza en viais das parroquias de O Veral, Tirimol, Piñeiro, San Xoán do Campo, Calde, Romeán, Soñar, Coeses, Monte de Meda, Torible, Pías, Meilán. No día de hoxe atópase traballando en Santiago de Saá e mañá comezará en Prógalo

Mércores, 22 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo está a acometer o mantemento de toda a rede viaria das 54 parroquias lucenses con traballos de desbroce, dos que se ocupa a brigada municipal. Segundo informou o voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, as tarefas de desbroce xa se acometeron nuns 100 quilómetros de estradas da zona rural. Con estas actuacións, o Concello mellora as comunicacións no rural e a seguridade vial, contribuíndo ademais a previr incendios.

A brigada municipal xa realizou a limpeza en viais das parroquias de O Veral, Tirimol, Piñeiro, San Xoán do Campo, Calde, Romeán, Soñar, Coeses, Monte de Meda, Torible, Pías e Meilán. No día de hoxe atópase traballando nos viais de Santiago de Saá e mañá comezarán nos de Prógalo. 

A limpeza das estradas completarase e chegará á totalidade das parroquias grazas a un plan de actuación que se encontra en fase de contratación e conta cun orzamento de 127.000 euros. 

Estas actuacións responden ás peticións veciñais e enmárcanse na decidida aposta do Concello polo rural, para fixar poboación e mellorar a calidade de vida e os servizos dos seus veciños. 

Noticias relacionadas