A brigada municipal comezou o desbroce dos camiños públicos das parroquias da zona rural

Miguel Fernández supervisou os traballos de desbroce que se están a acometer en Santa Comba. “Estas actuacións responden ás peticións veciñais e enmárcanse na decidida aposta do Concello polo rural”, subliñou o Concelleiro

Mércores, 03 de febreiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Desbroce dos camiños públicos das parroquias da zona rural

O Concello de Lugo está a acometer o mantemento de camiños públicos nas parroquias lucenses, con traballos de desbroce dos que se ocupa a brigada municipal. Así o avanzou este mércores o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, durante unha visita a Santa Comba, onde avanzou que “a brigada está a realizar a limpeza nos viais desta parroquia e nos vindeiros días actuará noutras parroquias como Santa María Alta e San Pedro de Mera para continuar progresivamente nas distintas parroquias segundo as peticións existentes”.

Deste xeito, durante os meses de inverno os operarios da brigada municipal realizan labores de desbroce naqueles camiños públicos que non se atopan asfaltados e que dan acceso a explotacións gandeiras ou á pasteiros, polos que transitan os tractores ou a maquinaria agrícola para poder realizar os seus labores. Ademais os operarios desta brigada realizan tarefas de mantemento de toda a rede viaria municipal, repoñendo a sinalización deteriorada, limpando cunetas ou as tubaxes e realizando canalizacións para evitar que a auga deteriore o firme das pistas, entre outras actuacións.

Miguel Fernández destacou que “estas actuacións responden ás peticións veciñais e enmárcanse na decidida aposta do Concello polo rural, para fixar poboación e mellorar os servizos e a calidade de vida dos seus veciños”.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre as obras de desbroce dos camiños públicos das parroquias da zona rural |Descargar mp3

Noticias relacionadas