A Brigada de Augas deixou reparada este mediodía a avaría detectada en Marqués de Ombreiro

A veciñanza afectada polo corte recuperou a subministración ás 11:45 da mañá logo de que os operarios solventaran a fuga que afectaba á canalización de fibrocemento da zona

Luns, 20 de xaneiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Brigada de Augas deixou reparada este mediodía a avaría detectada en Marqués de Ombreiro

Ás 11:45 horas da mañá a Brigada de Augas deixaba reparada a fuga, detectada este sábado na Avenida Marqués de Ombreiro logo de que os operarios municipais comezaran a traballar a primera hora do día na resolución desta avaría.

Do mesmo xeito o abastecemento quedou restablecido nese intre e a veciñanza afectada polo corte puido recuperar a subministración despois de que o sábado unha tubaxe da canalización municipal sufrira  un rebentón que afectou ás vivendas da marxe dereita desta vía ata a súa confluciencia con Alcalde Carlos Vázquez Pimentel e tamén á Avenida dos Deportes, segundo explican dende a área de Medio Ambiente que estivo a realizar un constante seguimento da actuación.

Segundo trasladou o edil Miguel Fernández, tenente de alcaldesa, “tendo en conta que as conducións desta parte da cidade son moi antigas e que o material de construción empregado foi o fibrocemento, esta circunstancia condicionou a reparación, xa que fai preciso a utilización de equipos especiais cos que poder manipular axeitadamente esta substancia”.

Dende Medio Ambiente lémbrase que no último ano, o Concello realizou obras de substitución de redes que contiñan asbesto en varios puntos da capital como as rúas do Teixo, Ligustro, Frei Plácido Rei Lemos ou Landro, intervencións que continuarán durante este exercicio con cargo ao 1’1 millóns habilitados nos Orzamentos de 2020 especificamente para este fin.

Por outra banda e tamén con cargo a estos presupustos que entraron en vigor o pasado día 13, á maior brevidade posible, a área de Medio Ambiente  licitará un contrato para dar cobertura a estas avarías de emerxencia que se producen fóra do horario de traballo dos operarios municipais coa fin de dar resposta permanentemente e inmediata ás necesidades da poboación coa máxima dilixencia.

Audio

  • O edil Miguel Fernández, sobre a avaría detectada en Marqués de Ombreiro | Descargar mp3

Noticias relacionadas