A Biblioteca Municipal supera os 14.700 préstamos nos primeiros sete meses do ano e conta con 11.500 usuarios

Dende o pasado 1 de xaneiro, o centro incorporou 909 exemplares e 220 persoas déronse de alta no servizo de préstamos

Os libros da sección de adultos máis solicitados no que vai de ano son El Brillo de la estrella del sur en castelán e Á Lus do Candil en galego. Na sección infantil, as obras máis demandadas son Buscando Plan e O Ceo dos afogados

Luns, 24 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Biblioteca municipal

A Biblioteca Municipal supera os 14.700 préstamos nos primeiros sete meses do ano 2015. Un 72% do total foron libros, concretamente 10.675. Na actualidade, o centro conta cun fondo bibliográfico de 37.369 exemplares, dos que 31.072 son libros, 13.598 infantís e xuvenís, e 17.474 de adultos; 4.435 documentos audiovisuais; 1.361 documentos sonoros; e 501 documentos electrónicos. Dende o pasado 1 de xaneiro, a biblioteca incorporou 909 exemplares.

Na actualidade, o número de usuarios inscritos no servizo de préstamo é de 11.502, dos cales 9.466 son adultos e 2.039 nenos. 220 persoas déronse de alta neste servizo dende primeiros de ano.

Os libros en castelán da sección de adultos máis solicitados no que vai de ano foron El Brillo de la estrella del sur, de Elizabeth Haran, Los Cuerpos extraños, de Lorenzo Silva, El Fruto de boabab, de Maite Carranza, La Templanza, de María Dueñas, e Ofrenda a la tormenta, de Dolores Redondo. En galego, os exemplares máis prestados foron Á Lus do candil, de Ánxel Fole, Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras, O Curioso mundo das persoas normais, de Xosé Monteagudo, Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz, e A memoria da choiva, de Pedro Feijóo.

Libros infantís

Polo que respecta á sección infantil, os libros en castelán máis solicitados polos nenos e nenas foron Buscando Plan, El Gran libro del reino de la fantasía, Insurgente, El Club de las zapatillas rojas e 99 Trucos de supervivencia en el cole, de Jeff Kinney, Gerónimo Stilton, Veronica Roth, Ana Punset e Lola González, respectivamente.

No que se refire ás obras en galego, os máis pequenos da casa decántanse por O Ceo dos afogados, de Francisco Castro, A Expedición do Pacífico, de Marilar Aleixandre, As Historias da avoa Catarina, de Iñaki Zubeldia, Xenaro e o misterio da mochila verde, de Mar Guerrra, e O Único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz.

Noticias relacionadas