A Biblioteca municipal programa cinco obradoiros de ilustración para os lectores máis novos no programa Xullo artístico

Martes, 01 de xullo de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, Carmen Basadre, anunciou hoxe a celebración do Xullo artístico, un programa de obradoiros para nenos que se celebra a partir de mañá, día 2 de xullo, na Biblioteca municipal, no Parque da Milagrosa.

Esta actividade diríxese a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos e consiste nunha serie de obradoiros de ilustración, que se celebrarán os mércores, ás 12 horas, nas instalacións da biblioteca, cunha duración de 90 minutos.

O primeiro obradoiro terá lugar mañá, baixo o título “Contando con imaxes”. Diríxese a a nenos e nenas de 6 a 12 anos e consiste nunha charla-obradoiro a cargo da ilustradora Noemí López que dará pautas para coñecer o traballo da narración ilustrada aplicada á literatura infantil e xuvenil.

A semana que vén, o día 9 de xullo, terá lugar un obradoiro de Cristina González Abelaira baseado nos contos “El pez Arcoiris”, de Marcus Pfister e “A qué sabe a lúa”, de Michael de Grejniec. Neste caso destínase a nenos e nenas con idades comprendidas entre 3 e 6 anos, cos que se traballará dende a técnica artística do mosaico e o modelado, ata a expresividade teatral.

Para o 16 de xullo está prevista unha charla-obradoiro da ilustradora Noemí López Titulada “Contando con imaxes para os máis pequenos”, que se destina a cativos de 3 a 6 anos, e que consistirá nunha introdución á linguaxe da narración ilustrada, adaptado a nenas e nenos de curta idade.

A seguinte sesión será o día 23 de xullo. Cristina González Abelaira encargarase do obradoiro, para nenos de 7 a 12 anos, que traballará a creatividade artística, a orixinalidade e a diversidade cultural a partir dos contos “Orellas de bolboreta”, de Luisa Aguilar, e “Canciones y nanas infantiles del Boabad”.

O Xullo artístico rematará o día 30 de xullo, cun obradoiro a cargo da ilustradora Noemí López, titulado “Cómo un personaxe xorde nun papel”, no que os nenos e nenas, de 6 a 12 anos, descubrirán as técnicas para a creación dunha personaxe de ficción e deseñarán, entre todos, unha mascota para a biblioteca.

A entrada é gratuíta pero é necesario apuntarse na Biblioteca, xa que o aforo é limitado. A inscrición debe facerse a partir do luns da semana da actividade correspondente, en horario de 9 a 14 horas.

Multimedia

Noticias relacionadas