A Biblioteca Municipal e o MIHL acollen un novo programa de animación á lectura e contacontos

Carmen Basadre anunciou estas novas actividades gratuítas dirixidas aos máis cativos da casa que terán lugar a partir do 22 de outubro e ata decembro. Todos os interesados en asistir deberán retirar as entradas na Biblioteca Municipal

Venres, 16 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo pon en marcha un novo programa de actividades gratuítas de animación á lectura e contacontos, que se celebrarán na Biblioteca Municipal e no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) a partir do 22 de outubro e ata decembro. Así o anunciou este venres a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen destacou que “estas novas actividades están especialmente deseñadas para os máis cativos, para fomentar o gusto pola lectura e estimular a imaxinación dos máis pequenos a través de espectáculos de contacontos, un xeito máis atractivo e interactivo de contar historias”. 

 As actividades comezarán o vindeiro 22 de outubro ás 18:30 horas na Biblioteca Municipal con Bebecontos de Choupiña e Trasnón: contamos cos sentidos, de Forma Teatro. Trátase dun conto interactivo dirixido aos nenos e nenas de entre 0 e 3 anos.O sábado 24 de outubro ás 18:30 horas no MIHL, celebrarase o Día das Bibliotecas con Contos vellos, novos finais, de Caxoto Contacontos, dirixido a nenos e nenas a partir de 4 anos. O xoves 29 de outubro e o xoves 5 de novembro ás 18:30 horas terán lugar na Biblioteca Municipal Aventuras na cociña de Trinke Trinke Teatro, para cativos de máis de 3 anos e Sopa de contos de Marisa Irima, orientada aos rapaces e rapazas de 4 anos en diante. O día 19 de novembro ás 18:30 o MIHL acollerá o Conto express de Sarabela Teatro. 

 As actividades concluirán o xoves 3 de decembro as 18:30 horas na Biblioteca Municipal con Personaxes de Nadal ilustrados de Noemí López nun obradoiro baseado nas ilustración do libro 13 noites, 13 lúas: libro das marabillas de Nadal escrito por Antonio Reigosa.

Entradas

Todos os interesados en participar nalgunha destas actividades gratuítas, que contan cun número limitado de prazas, deberá retirar unha entrada na Biblioteca Municipal. As entradas estarán dispoñibles a partir das 16:30 horas do luns da semana da actuación correspondente. Entregaranse un máximo de dúas por persoa.

Audio

  • Carmen Basadre sobre o novo programa de animación á lectura e contacontos|Descargar mp3

Máis info

Noticias relacionadas