A Biblioteca Municipal acolle novas actividades de animación á lectura e contacontos en febreiro e marzo

A nova programación terá lugar a partir do 16 de febreiro e ata o 30 de marzo. Os e as interesadas en participar nalgunha destas actividades deberán retirar unha entrada gratuíta na biblioteca

Venres, 10 de febreiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello convida aos máis cativos a ler con catro novas actividades gratuítas postas en marcha co obxectivo de fomentar a lectura entre os nenos e nenas de Lugo. Trátase de actividades de animación á lectura e contacontos, que se celebrarán na Biblioteca Municipal a partir do xoves 16 de febreiro e ata o 30 de marzo.

As actividades están deseñadas pensadas especialmente nos pequenos e pequenas da casa, para estimular a  súa imaxinación a través de espectáculos lúdicos e para incentivar o seu gusto pola lectura, capaz de contribuír á súa aprendizaxe e á mellora das súas habilidades.

A primeira das actividades será Contos para vestirse de Entroido, unha sesión dirixida a nenos e nenas de máis de 3 anos que está ligada as tradicións destes festexos en Galicia. Será o 16 de febreiro, a partir das 18:30 horas, a cargo de Caxoto.

Contando con Rosalía, de María Irimia, será a encargada de facerlle pasar un bo anaco aos cativos de máis de 4 anos, coa finalidade de achegalos á obra desta escritora dun xeito lúdico e divertido, o 23 de febreiro, ás 18:30 horas.

No mes de marzo, terá lugar a actividade Os contos do chupete para bebés de ata 3 anos, acompañados dos seus pais e nais, na que se integran música, literatura e expresión dramática e tradición oral, de mans de Migallas Teatro, o día 16, a partir das 18:30 horas.

O encargado de pechar esta programación, o día 30 de marzo, será O xigante a cargo de Elefante elegante, quen contará a historia sobre un home que decidiu facer unha viaxe. Esta actividade está destinada a nenos e nenas a partir de 3 anos.

Entradas gratuítas e aforo limitado
Todos as persoas interesadas en participar nalgunha destas actividades gratuítas, que contan cun número limitado de prazas, un total de 140, deberá retirar unha entrada na Biblioteca Municipal. As entradas estarán dispoñibles a partir das 16:30 horas do luns da semana da actuación correspondente. Entregaranse un máximo de dúas por persoa.

Máis información na web municipal www.lugo.gal.

Máis info

Noticias relacionadas