Benestar presenta o programa de animación social 2021 – 2022 cunha ampla oferta de cursos para dinamizar os centros da cidade e do rural

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destaca a transversalidade da programación “coa que o Executivo pretende atender as necesidades físicas, socieducativas e emocionais da poboación”.

As persoas interesadas poden inscribirse dende mañá e até o 23 de setembro, entre as 09:00 a 13:00 horas, nos centros de convivencia.

As listas definitivas publicaranse o próximo 15 de outubro e a programación, que comezará o día 18, estenderase até o 31 de maio.

A concelleira Olga López salientou que a maioría das actividades son gratuítas “en prol da inclusión e para garantir a igualdade de dereitos e oportunidades de toda a cidadanía”.

Xoves, 16 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Benestar presenta o programa de animación social 2021 – 2022 cunha ampla oferta de cursos para dinamizar os centros da cidade e do rural

O Goberno de Lara Méndez achegará, neste curso, unha vintena de propostas socioculturais diferentes para diversificar e aproveitar, dun xeito saudable e seguro, o tempo de lecer de toda a poboación, especialmente, da maior de 65 anos.

A área de Benestar Social, que dirixe a edil Olga López Racamonde, vén de deseñar un amplo e variado programa que contempla accións lúdicas pero tamén socieducativas e físicas coas que “dende o Executivo local pretendemos avanzar nunha sociedade inclusiva e integradora, mellorando a calidade de vida da veciñanza e atendendo as demandas que nos traslada”, sinalou a rexedora.

Lara Méndez explicou tamén que “a programación trata de dar prioridade ao benestar social da cidadanía de tódalas idades, con residencia en calquera dos barrios da capital pero tamén en cada unha das 54 parroquias, facendo real – como é a nosa obriga – a igualdade de oportunidades e dereitos, independentemente das posibilidades económicas ou do lugar de residencia, sen importar onde vivan nin a franxa de idade á que pertenzan”, engadiu a alcaldesa de Lugo.

Así, entre o 18 de outubro e o 31 de maio de 2022, os diferentes centros de convivencia da capital (Fingoi, Lamas de Prado, María Balteira, Maruja Mallo, A Milagrosa, Sagrado Corazón e Uxío Novoneyra), así como tamén nos centros de dinamización, os telecentros ou as escolas do rural, ofreceranse diversos cursos cos que a área de Benestar ten por obxecto atender as necesidades físicas e emocionais das e dos residentes en cada contorna.

“Algunhas das actividades son continuístas, debido a que gozan de gran participación e aceptación entre o público, mentres que outras se incorporan este ano en función das preferencias que as persoas usuarias nos fixeron chegar a través dese contacto permanente que mantemos co tecido asociativo do municipio”, abondou Olga López Racamonde.

A concelleira de Benestar avanzou que entre as actividades previstas se inclúen algunhas de contido social, “como son o Envellecemento Activo; Autoestima para Adultos; Taller de Educación para a Saúde; Mente e Vida Sas; Uso de Teléfonos Móbiles (niveis I e II), pero tamén outras de tipo psicofísico, como a Ximnasia e a Bioximnasia, ou aquelas coas que pretendemos fomentar as relacións interxeracionais entre a mocidade e as persoas adultas como son o Teatro, a Pintura e as Manualidades”.

López Racamonde adiantou así mesmo que haberá clases de Cociña Saudable Intercultural, Costura, etc e, do mesmo xeito, “manteremos as Aulas Abertas, cun Club de Lectura; faremos obradoiros para menores nos Sábados Divertidos e coa Inclusión Educativa ao igual que levaremos a cabo, alén, programas específicos para mellorar as habilitades informáticas de colectivos vulnerables con cursos de Trámites coa Administración, Xestións Dixitais na Sociedade para Maiores de 65 Anos e Comprensión e Expresión en Lingua Española”.

“Sen esquecer que tamén haberá outras accións de carácter aberto e común a todos os centros vencelladas á celebración do Entroido, as Letras Galegas, ou o Nadal, así como xornadas de diferentes temáticas, encontros, charlas, mesas redondas, conmemoracións de datas sinaladas de sensibilización sociocultural, saídas culturais e excursións, etc...”, detallou.

“En definitiva, o que queremos é mellorar a calidade de vida das e dos lucenses, poñendo á súa disposición os espazos públicos e as dependencias municipais, avanzando no que para o noso modelo de cidade é unha prioridade: a persoa. A persoa como centro e protagonista de todas as nosas políticas, pero cunha atención integral que aborde todos os aspectos da súa vida”, concluíu a concelleira de Benestar.

Prazo de inscrición e publicación das listas

O prazo de inscrición para apuntarse comezará mañá, día 17 de setembro, e rematará o próximo xoves 23. As solicitudes poderán presentarse en horario de mañá (de 09:00 a 13:00 horas) nos centros socioculturais, coa limitación dun máximo de tres instancias por persoa e centro.

A adxudicación das prazas farase por sorteo informático público que terá lugar o próximo 28 de setembro ás 11:00 horas procedendo, a continuación, á publicación das listas provisionais e de reserva.

As listas definitivas exporanse o 15 de outubro nos taboleiros dos centros.

As actividades, que na súa maioría son de carácter gratuíto, levaranse a cabo cumprindo con todas as medidas de seguridade precisas segundo vaia determinando o devir da pandemia e tamén dunha maneira adaptada aos ámbitos urbanos e rurais do concello.

Audio

  • A edil de Benestar Social, Olga López Racamonde, sobre a Programación Animación Social | Descargar mp3

Noticias relacionadas