A axenda cultural do Concello propón para os vindeiros días historia e música

Unha charla sobre as Termas Romanas, unha andaina polo Camiño Primitivo, unha ruta sobre a vida cotiá na época castrexa, a proxección da película sobre Gengis Kan, e actuacións de violín, órgano e bombardino, concentran a programación

Mércores, 30 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A axenda cultural do Concello para os vindeiros días propón, principalmente, historia e música. Mañá xoves, ás 20:00 horas, no Vello Cárcere, o ciclo de conferencias Desenterrar o pasado, versará sobre un dos monumentos máis representantivos do legado cultural romano da cidade, as Termas Romanas. A charla estará guiada por Francisco Hervés, director destas excavacións arqueolóxicas.

Ademais, para mañá, ás 20:30 horas, tamén no centro cultural do Vello Cárcere, está programado o concerto Shoah para violín e Templo Sagrado, de Jorge Grundman, a cargo do violinista Vicente Cueva e o narrador Jaime Arranz. A actuación está enmarcada dentro do Festival de Música da Cidade de Lugo, que tamén contempla este sábado, 2 de xuño, unha xornada de música nas rúas, a cargo do alumnado do conservatorio e as escolas de música, das 12:00 ás 20:00 horas.

O venres día 1 de xuño, arrincará o V Festival de Órgano Corpus Christie de Lugo, co que colabora o Concello, na Catedral de Santa María. Será a partir das 20:45 horas con Hans Ole Thers.

Ao longo do vernes e sábado tamén se celebrará o obradoiro Palabras, enmacado na programación xuvenil Ti que contas?, nos espazos exteriores do Vello Cárcere.

Unha das propostas para sábado é a andaina Pasos con historia, Descubre o Camiño Primitivo. A saída será ás 17:30 horas dende a Oficina Municipal de Turismo, onde se deben facer as inscricións para esta ruta que recorrerá o carril das Flores, a Porta de San Pedro, o adarve da Muralla, dende o Cantiño ata Campo Castela, a Praza Maior, a Praza de Santa María, a Catedral e a Porta de Santiago. Esta programación continuará o 30 de xuño.

Ás 20:00 horas, continúa o II Ciclo A Liberdade dende a Música, no Vello Cárcere, coa actuación do concertista de prestixio internacional Pablo Dopazo, que ofrecerá o concerto Frecuencias Liberadas, con bombardino, serpentón e electroacústica.

O domingo as alternativas arrincan cunha ruta de antropoloxía e etnografía, A vida cotiá na época castrexa, ao abeiro do plan turístico sostible Terras de Auga e Cultura, cunha distancia de 8 quilómetros e fará unha visita aos castros de Albeiros, Piringalla e Formigueiros. As persoas interesadas en participar deben inscribirse na Oficina Municipal de Turismo, na Praza do Campo, ou ben a través do teléfono 982-25-16-58 ou en lugoturismo@concellodelugo.org. A saída é ás 10:30 horas dende a parada de autobus urbano da rúa Anxo López Pérez.

En xornada de tarde, ás 19:00 horas, no Vello Cárcere, proxectarase o filme A tumba de Gengis Kan, o segredo desvelado. Con esta película francesa, que constrúe unha historia a medio camiño entre o documental e a aventura sobre unha das máis apaixoantes incógnitas da historia de Asia, péchase o ciclo de cine arqueolóxico, enmarcado na programación do Arde Lvcvs Cvltvral.

O Concello tamén ofrece visitas guiadas polo Vello Cárcere, de xoves a domingo, e a mostra de fotografía Irán, París, Lugo e a de escultura, Ledesma, no Vello Cárcere; ademais das permanentes sobre a memoria histórica do centro; así como a de pintura Unha vida para pensar, e a das Cohors III Lucensium, estas dúas últimas no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).

Noticias relacionadas