Avanzan as melloras no barrio da Ponte, con obras de conservación da estrada que une a Ponte Romana coa Igrexa de San Lázaro

Lara Méndez e Darío Campos supervisaron hoxe as obras, “dun peso importante para a cidade, por tratarse dunha actuación nun barrio senlleiro e de gran capacidade de dinamización turística” que contan cun orzamento de 55.000 euros

A Alcaldesa manifestou a intención do Concello de asumir a titularidade de dito vial, pois é o único de competencia provincial existente na cidade

Luns, 12 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Avanzan as melloras no barrio da Ponte, con obras de conservación da estrada que une a Ponte Romana coa Igrexa de San Lázaro

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, supervisaron este luns as obras de conservación da estrada que transcorre dende a Ponte Romana á Igrexa de San Lázaro, unha das necesidades que lles trasladou o presidente do Club Fluvial, Tito Valledor, quen tamén asistiu a visita, tanto á rexedora como ao presidente, durante unha xuntanza no pasado mes de decembro. Á visita tamén asistiu o Deputado de Xestión Territorial, Argelio Fernández.

Durante a visita de supervisión, a rexedora puxo en valor esta obra “de peso importante para a cidade, por tratarse dunha actuación nun barrio senlleiro, de gran capacidade de dinamización turística e que acolle un elemento tan significativo no Concello como a Ponte Romana”. Nesta liña, a rexedora subliñou que se trata dunhas actuacións de mellora coas que se garante un servizo publico, tanto para os máis de 15.000 socios do Club Fluvial, un espazo de referencia lúdico e deportivo da cidade, como para os veciños e veciñas da zona.
 
Lara Méndez, quen subliñou que esta obra de conservación do vial é o primeiro paso para avanzar na mellora do barrio da Ponte, manifestou que o Concello ten intención de asumir a titularidade de dito vial, pois é o único de competencia provincial existente na cidade.

Pola súa banda, Darío Campos, explicou que se trata dunhas obras dotadas de 55.000 euros, pero que isto soamente é unha inversión inicial, xa que posteriormente se realizará a recrecida dos pozos, elevándose o trazado uns 5 centímetros, así como labores de sinalización horizontal. Máis adiante, segundo deu a coñecer o propio presidente da Deputación, tamén se mellorarán as beirarrúas e a iluminación, unhas actuacións que responden a peticións dos veciños así como dos usuarios do Club Fluvial.
 
700 metros acondicionados

Trátase dunhas tarefas que acomete o organismo provincial, que consisten na mellora da capa de rodaxe e acondicionamento deste tramo, duns 700 metros, da LU-P-29811, que comunica a Nacional VI con Orbazai.  Este tramo de estrada permanecerá cortado ao tráfico ata o vindeiro xoves, durante o tempo no que se levará a cabo un afirmado con aglomerado en quente para mellorar a capa de rodaxe, dado o mal estado da estrada, que se atopaba moi deformada, acumulándose auga na calzada.

Multimedia

  • Avanzan as melloras no barrio da Ponte, con obras de conservación da estrada que une a Ponte Romana coa Igrexa de San Lázaro

Noticias relacionadas