Autorizadas obras de mellora da accesibilidade nas rúas Aviación Española, Ronda das Mercedes e Lopo Lías

A Xunta de Goberno aprobou licenzas para levantar unha nave nas Gándaras destinada a almacén de materiais de construción; redistribuír o aparcadoiro do centro da UNED; e cubrir dúas terrazas no Hospital Polusa para salas de estar 

Mércores, 31 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno autorizou este mércores obras de mellora da accesibilidade en tres rúas da cidade: Aviación Española, á altura do número 2; Ronda das Mercedes (número 37) e Lopo Lías (4-6). As actuacións, impulsadas polas comunidades de veciños de senllos edificios de vivendas, consisten na construción de ramplas e teñen un orzamento total de 21.800 euros, que asumen os solicitantes da autorización.

Segundo explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández, unha vez recibida a aprobación inicial, os proxectos serán expostos durante o prazo dun mes no Boletín Oficial da Provincia (BOP), para logo iniciarse as obras, que teñen, cada unha delas, un prazo de execución de dous meses dende a notificación da aprobación definitiva.

Con estes traballos, a cidade sigue avanzando na mellora da accesibilidade, obxectivo permanente da acción do Goberno que acomete a través do Gabinete de Accesibilidade, e grazas ao que foi merecedor do Premio Reina Sofía de Accesibilidade Universal e recoñecido como mellor Destino Turístico Accesible de España.

Licenzas

Por outra banda, o voceiro municipal informou de que a Xunta de Goberno autorizou unha nova licenza para levantar unha nave industrial para almacén de materiais de construción no polígono das Gándaras, cun orzamento de 91.461 euros e un prazo de execución de 24 meses.

Así mesmo, autorizouse licenza para poder modificar a distribución das prazas de aparcamento na parcela na que a Deputación de Lugo acondiciona o centro asociado da UNED, unha medida necesaria tras o levantamento topográfico e co fin de axustarse á realidade xeométrica do espazo. O número de prazas de estacionamento previsto é de 47 para turismos e dúas para autobuses. 

A Xunta de Goberno outorgou ademais ao Hospital Polusa licenza para cubrir con peche de vidros dúas terrazas existentes no centro sanitario para destinalas durante todo o ano a sala de estar dos pacientes. As obras teñen un orzamento de 29.000 euros e un prazo de execución de 12 meses.

Noticias relacionadas