Autoridades e veciños de Lugo participaron na concentración convocada polo Concello para condenar o asasinato da lucense vítima da violencia machista

Luns, 01 de abril de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde, José López Orozco, encabezou a concentración contra a violencia machista que convocou o Concello para condenar o asasinato da veciña de Lugo Helena Dimitru. Na concentración participaron a Corporación municipal e outras autoridades como a Delegada da Xunta de Galicia, Raquel Arias; o Presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro; o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo; o Vicerreitor da Universidade, Pedro García Herradón; e deputados autonómicos e provinciais. Tamén se sumaron ó acto xogadores do Breogán, traballadores municipais e veciños e veciñas.

As autoridades participantes na concentración portaron unha pancarta co texto “Ante a violencia de xénero, tolerancia 0”.

A concentración, na que se gardaron cinco minutos de silencio, tivo lugar diante da Casa do Concello cadrando co último dos tres días de loito que declarou o Concello de Lugo en memoria de Helena e como mostra de repulsa por este novo crime da violencia de xénero.

Unha vez rematado o acto, o Alcalde manifestou que a concentración tivo un triple obxectivo. “En primeiro lugar, tratouse de condenar este horrible crime, tamén para expresar a nosa condolencia á familia da vítima e, por último, para que todos os lucenses saibamos que temos que estar atentos para evitar calquera atentado contra a muller”.

López Orozco tamén destacou que “toda a sociedade debemos ter conciencia da nosa responsabilidade para evitar que se repitan actos de violencia de xénero”. O Alcalde fixo un chamamento “ás familias, amigos e veciños para que chamen ó teléfono 016 de atención a vítimas de violencia de xénero se desconfían de que unha muller poida estar sendo vítima de malos tratos, e mesmo ás propias maltratadas para que chamen ó teléfono 016 ou que pidan axuda nos Servizos sociais do Concello ou da Xunta, porque non debemos permitir que poidan suceder este tipo de atentados contra as persoas”.

Multimedia

Noticias relacionadas