Aulas Abertas para os máis cativos, actividades deportivas ao aire libre e excursións, alternativas do Concello para este verán

Ana Abelleira presentou a programación de animación sociocultural que busca dar facilidades para a conciliación da vida familiar e laboral dos veciños e veciñas, ao tempo que se ofrecen alternativas lúdicas e de lecer saudable

As inscricións para as Aulas Abertas deben realizarse do 13 ao 17 de xuño, e para as viaxes, do 27 ao 30 de xuño. Para as actividades deportivas non é necesaria inscrición previa

Xoves, 02 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Aulas Abertas para os máis cativos, actividades deportivas ao aire libre e excursións, alternativas do Concello para este verán

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, presentou este xoves no Salón de Plenos a programación de animación sociocultural dirixida tanto a nenos e nenas como a adultos, que organiza o Concello para este verán, co obxectivo de dar facilidades para a conciliación da vida familiar e laboral dos veciños e veciñas, ao tempo que se ofrecen alternativas lúdicas e de lecer saudable.

Tal e como informou a edil, o Concello ofrece actividades deportivas ao aire libre no mes de xullo e na primeira quincena de agosto, das 11:00 ás 12:00 horas. Trátase de ioga, que terá lugar os luns na praza de Augas Férreas e os martes no Parque de Rosalía de Castro, e de zumba, os mércores e xoves nestes mesmos emprazamentos. Son actividades gratuítas para as que non é necesaria inscrición previa.

No que se refire ás excursións de verán, a entidade local ten preparadas 4 saídas a Cariño, Malpica, Ferrol e San Cibrao, con paradas en Vilalba, Vimianzo, As Pontes e Mondoñedo, respectivamente; os días 13 e 27 de xullo e o 3 e o 17 de agosto. Os interesados poden inscribise entre o 27 e o 30 de xuño no centro de convivencia Maruja Mallo, en horario de 10:00 a 13:00 horas. A saída para estas viaxes será ás 09:00 horas dende a Praza de Bretaña, e o regreso ás 19:00 horas a este mesmo punto. O prezo a aboar é de 4,12 euros.

Por último, o Concello mantén as Aulas Abertas para os nenos e nenas entre 3 e 11 anos en Fingoi, no Uxío Novoneyra, Lamas de Prado, Milagrosa e Maruja Mallo. O Concello oferta 45 prazas en xullo e agosto. Os interesados poden inscribirse do 13 ao 17 de xuño, no centro no que desexen realizar as actividades, en horario de 09:00 a 13:00 horas, aboando 1,03 euros por día. Os horarios varían dependendo do centro, sendo de 10:00 a 13:00 horas en Fingoi e no Uxío Novoneyra, de 09:00 a 14:00 horas en Lamas de Prado e na Milagrosa, e de 08:45 a 14:15 horas no Maruja Mallo.

A Concelleira amosou a súa satisfacción polo éxito que ano tras ano acadan estas actividades, “participando na pasada edición preto de 200 cativos nas Aulas Abertas, formándose grupos de 30 e 40 persoas en cada actividade deportiva ao aire libre e enchendo todos os autobuses das excursións á praia”.

Máis información en www.lugo.gal

Audio

  • Ana González Abelleira, sobre a programación de actividades para o verán 2016|Descargar mp3

Máis info

Noticias relacionadas